Con moito humor e o himno cantado por todo o auditorio remataba o pregón da XXIII Festa do Botelo do Barco, acto central do día grande da festa, neste sábado 18 de xaneiro.
Da man de Guti González e Mari Carmen Dosouto (abutizada como a ‘Boteleira do Sil’, que facían unha divertida e improvisada presentación, se desenvolvía o acto con “todo, menos o pregoeiro, 100% do Barco”, en palabaras da Concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, responsable da coordinación da festa que este ano está a bater todos os récords con todas as prazas hostaleiras cubertas neste mediodía, sumándose ás máis de 1.200 persoas do pavillón de Calabagueiros, as dos once restaurants que serven botelo no menú. Todos completos.
A música do evento corría a cargo de Nerea Jiménez (voz) e Carlos Girona (guitarra), membros de AMAVA que actuaban ata en tres ocasións ademais de interpretar o Himno xa como broche.
Nun teatro cheo que contaba coa asistencia entre outros do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, de alcaldes da contorna e de representantes do Concello da Fonsagrada, convidado de excepción nesta edición do Botelo, a cociñeira do Bambú recollía a Mención de Honra e David Amor, humorista e presentador galego, facía un breve e divertido pregón con notas da súa propia experiencia e un repaso polas numerosas festas que se celebran no Barco, destacando “con ganas a do Botelo, xusto despois de Nadal”, dixo en ton irónico.
Antes de dar paso á proxección do spot publicitario do Botelo, a concelleira daba as grazas a todos os que fan posible a festa e Carlos López, o alcalde da Fonsagrada (Concello convidado de honra desta edición), convidaba aos asistentes á súa propia Feira do Butelo que se celebrará os días 22 e 23 de febreiro.
De seguido, os participantes nos Cantos de Taberna acompañaban á comitiva ata o pavillón para asistir ao xantar popular no pavillón de Calabagueiros.
Fotos e vídeos: O SIL.
Máis información, vídeos e fotos: