O novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada, que é tamén presidente da Ruta do Viño nesta comarca, mantiña hoxe unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, na sede valdeorresa desta entidade na Casa Grande de Viloira (O Barco). No encontro tamén estaban presentes a secretaria do CRDO, Patricia de Andrés, e a deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María Carmen González.
“Esta é unha denominación de orixe que, a verdade, estanos dando moitísimas alegrías e pon aos viños de Valdeorras a uns altísimos niveis. Nós queremos continuar o traballo que levabamos a cabo co anterior responsable do consello e poñémonos á disposición do novo presidente para seguir mellorando todo o que é a D.O., aproveitando este extraordinario momento que está vivindo, sobre todo da man do godello, para chegar aos máximos niveis”, sinalaba Luis Menor.
Tamén se avanzou nun escenario de traballo para crear unha instalación de promoción dos produtos da D.O, propostas que se estudarán na Deputación.