ConcellosO BarcoÚltima hora

O programa ChegOU 2025 será máis social atendendo a condición de discapacidade e familia numerosa dos solicitantes

As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro deste ano e facilítase a tramitación mediante o sistema de sinatura por voz

Cedida.

 

A Deputación de Ourense vén de abrir o prazo para solicitar as axudas contempladas no Programa ChegOU, de fomento da natalidade, que no presente ano inclúe novos criterios que teñen en conta o grao de discapacidade dos proxenitores ou a condición de familia numerosa, de tal modo que as achegas poden pasar de 300 a 1.250 euros.

As persoas beneficiarias destas axudas recibirán a tarxeta prepago ChegOU, que estará activa ata o 31 de maio de 2026, e facilitará a compra en farmacias ou parafarmacias da provincia de Ourense de produtos hixiénicos, de alimentación ou saúde relacionados co primeiro ano de vida dos bebés. Este ano, ademais, amplíase o uso da tarxeta a centros ópticos, de audición ou ortopedias co fin de adquirir produtos específicos que fagan máis doada a crianza e coidado dos recen nados.

Para este programa, a Deputación de Ourense destina un orzamento de 400.000 euros en concepto de axudas, que están destinadas a proxenitores de menores nados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro deste ano, así como a persoas adoptantes ou que adquiran a condición de titores neste mesmo período. O último día do 2025 remata o prazo de presentación de solicitudes.

As contías das achegas varían en función do grao de reto demográfico do concello de empadronamento (entre 300 e 500 €); segundo a discapacidade da persoa solicitante (750 ou 1.000 €); ou segundo a condición de familia numerosa, caso no que terán dereito a un incremento de 250 € na axuda.

Na procura da maior flexibilidade para presentar as solicitudes, a área de Benestar ofrece a posibilidade de utilizar o sistema de administración por voz. Así, aínda que o solicitante non teña ordenador, ou coñecementos tecnolóxicos ou certificado dixital, esta persoa poderá realizar a súa petición ante a administración provincial desde o seu teléfono móbil, asinando a solicitude a través da súa voz, o que se coñece como sinatura biométrica vocal.

Solicitar o ChegOU desde a habitación do Hospital.

A principal causa de exclusión dixital ante as administracións públicas é a imposibilidade que teñen moitas persoas de identificarse dixitalmente. Este ano, desde o primeiro día de apertura do prazo, as nais que deran a luz e queiran solicitar a axuda do Programa ChegOU desde o propio hospital poderán asinar a súa solicitude desde a súa habitación do centro sanitario só coa súa voz.

Nos horarios previamente coordinados polo persoal técnico do hospital e a área de Benestar, a solicitante deberá facer click nunha ligazón que terá á súa disposición nun dispositivo electrónico facilitado pola Deputación, e así ser atendido a través do mesmo por un empregado público que cubrirá a solicitude on-line en tempo real. Unha vez terminada poderá vela no dispositivo electrónico e asinaraa coa voz.

No prazo máximo de sete días hábiles desde o momento de realizar a solicitude desde a habitación do hospital (no caso de que cumpran os requisitos solicitados para a concesión da axuda) a persoa recibirá no seu domicilio a tarxeta ChegOU.

Back to top button