CarballedaConcellosÚltima hora

O proxecto da nova ponte de Sobradelo, abordado na reunión entre a alcaldesa de Carballeda e o delegado da Xunta

 

A visita que realizaba esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a concellos valdeorreses concluía pasadas as 13:30h. en Carballeda de Valdeorras, onde era recibido pola súa alcaldesa, María Carmen González, que expresaba o seu agradecemento pola visita e tamén polo apio da administración galega a este concello. Ademais de visitar as instalacións municipais, cun percorrido tamén pola zona onde se vén de realizar unha reforma, a rexedora e o delegado mantiñan unha xuntanza na que se abordan diversos proxectos, entre eles o da construción dunha nova ponte sobre o río Sil en Sobradelo.

“Temos unha vella ponte de case 500 anos e pensamos que é o momento de darlle unha axuda. Xa está definido o trazado, que non vai afectar a ningunha edificación, tamén está feito o estudo informativo da nova ponte e mañá está previsto que veñen os técnicos de Infraestruturas para traballar na planimetría da cartografía. É un tema que lle vou expoñer ao delegado da Xunta para que o teña presente e non o perda de vista, de cara tamén a que se poidan ir orzamentando partidas”, destacaba a alcaldesa de Carballeda, matizando que este trazado comezaría na N-536, saíndo de Sobradelo, para logo cruzar o río Sil e saír na rúa Nova (onde está situado o pavillón municipal).

Trátase dun importante proxecto para Carballeda de Valdeorras e estímase que pode supor un investimento duns 7 millóns de euros. “É un vello soño e consideramos que se trata dunha infraestrutura vital para o desenvolvemento do municipio”, resalta María Carmen González.

 

 

Outras cuestións que lle plantexaba ao delegado da Xunta eran apoios para manter e mellorar o Camiño de Inverno na súa entrada a Galicia por Carballeda de Valdeorras e posibilitar a limpeza de regatos do concello con brigadas de incendios, tamén certas cuestións relativas ao Pladiga, como algún punto de auga que puidera mellorar a eficacia na extinción e tamén a necesidade de seguir loitando na prevención fronte ao lume.

Pola súa banda, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, comentaba que esta era a súa primeira visita institucional a Carballeda de Valdeorras e que supón “unha toma de contacto co municipio, de cara a coñecer as necesidades e demandas que nos plantexa a alcaldesa, os temas que lle preocupan e as cuestións que están pendentes”. Tamén comentaba que van saír liñas de axudas para as administracións municipais, das que se lles informará de cara a que poidan solicitalas.

Artigos relacionados

Back to top button