
Unha delegación de representantes de cidades e rexións de sete países europeos vénd e visitar O Barco de Valdeorras para coñecer o proxecto que o municipio pretende impulsar, xunto ao Eixo Atlántico, para a conservación do patrimonio industrial mediante a recuperación de espazos en desuso, por medio da creación dun Centro de Interpretación da Minería en instalacións da empresa Cedie.
No marco do proxecto EDIN, cofinanciado polo programa InterregEurope da Comisión Europea, un grupo de expertos de Italia, Lituania, Bulgaria, Finlandia, Irlanda, Noruega e España-Portugal elaborará un conxunto de propostas para combater o despoboamento en zonas con baixa densidade demográfica. Estas recomendacións complementaranse cun catálogo analítico que se entregará á
Comisión Europea, recompilando as mellores iniciativas europeas desenvolvidas con este fin.
“Entre as experiencias presentadas aos expertos para a sua inclusión nesas propostas para a Comisión Europea, destaca o proxecto de recuperación da antiga fábrica de cal da empresa Cedie para a súa conversión nun Centro de Interpretación da Minería”, segundo informa o Concello. O proxecto foi lles explicado polo alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, nun acto ao que tamén asistiron a concelleira de Cultura, Margarita Pizcueta, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Juan Vázquez Mao, representantes da empresa -que dirixe o barquense Honorato López Isla- e o ex alcalde Alfredo García, impulsor da iniciativa.
Co proxecto agora en proceso de elaboración preténdese conseguir unha recuperación arquitectónica, inspirada en exemplos de transformacións de espazos industriais en desuso realizadas en España. O
obxectivo último desta iniciativa é o de xerar turismo e que o espazo poida converterse no futuro nun referente para territorios de baixa densidade poboacional.
Este proxecto de centro de interpretación da minería incluirá contidos desde a época romana ata as explotacións mineiras actuais, xunto a espazos socioculturais como un auditorio, unha zona de
concertos e exposicións, e unha área de coworking destinada a atraer profesionais doutros países que podan residir e traballar desde O Barco.