EconomíaEconomíaÚltima hora

O proxecto “Plantas Olvidadas”, que busca alternativas sostibles de bioeconomía na xestión forestal, preséntase na Veiga

Seleccionou 5 especies arbóreas e arbustivas abundantes nos sistemas forestais españois máis ameazados polo cambio climático e que producen os 5 froitos sinalados: érbedo, piñeiro, endrino, aciñeira e roseira silvestre

 

Un proxecto financiado pola UE explora as posibilidades de crear e comercializar produtos alimentarios baseados en cinco froitos silvestres: endrinas, escaramujos, érbedos, landras e piñas. O seu obxectivo é fomentar a bioeconomía forestal de zonas rurais. Será presentado na Veiga o próximo 2 de xullo.

Os seus promotores xa lograron elaborar galletas de landra, kétchup de endrino, kombucha de érbedo ou vinagreta de piñas verdes, entre outros alimentos, e traballan para que poidan converterse en produtos comercializables, e, por tanto, en alternativas económicas viables para fomentar a bioeconomía forestal, a xestión sostible dos bosques e a conservación da biodiversidade.

O Proxecto “Plantas Olvidadas”

O proxecto Plantas Olvidadas parte da idea de que unha das principais dificultades para a xestión dos montes é a súa falta de viabilidade económica. O abandono de pastos, cultivos e outras formas de aproveitamento derivou nunha elevada proporción de masas forestais pouco xestionadas, co consecuente aumento da superficie forestal e da cantidade de vexetación presente nas mesmas. Esta situación, acompañada dunha maior facilidade de combustión como consecuencia do cambio climático, provoca un maior risco de incendios forestais.

A partir deste contexto, o proxecto seleccionou 5 especies arbóreas e arbustivas abundantes nos sistemas forestais españois máis ameazados polo cambio climático e que producen os 5 froitos sinalados: érbedo, piñeiro, endrino, aciñeira e roseira silvestre ou escaramujo. Os froitos de todas elas son comestibles e contan con interese organoléptico e nutricional, pero actualmente nin se colleitan, nin se comercializan, polo que a iniciativa explora esta posibilidade a partir de modelos de xestión sostible.

O proxecto comezou a andar en 12 fincas forestais de Cataluña, de onde proceden o colectivo Eixarcolant, a cooperativa Sambucus e a Fundación Emys, que impulsan o proxecto xunto a Xarxa per á Conservació da Natura (XCN) e a Universidade de Barcelona. O seu obxectivo é agora trasladar a experiencia a outras provincias españolas con grandes zonas boscosas como Ourense, Soria, Cuenca, Teruel, Córdoba ou Navarra.

Xornada na Veiga

Ourense é unha das 6 provincias seleccionadas para acoller unha das accións divulgativas que o proxecto ten programadas para darse a coñecer en toda España e replicar os resultados obtidos. Baixo o título: “Alimentos forestais e bioeconomía” celebraranse varias charlas e unha mesa redonda na Sala de Conferencias O Toural da Veiga o próximo 2 de xullo de 17.30 a 20.30 horas.

O evento, organizado coa colaboración do Obradoiro Dual de Emprego Concellos Rurais de Valdeorras IX e do Concello da Veiga, ten un especial enfoque no sector gastronómico polo que é particularmente interesante para produtores de alimentación e profesionais da restauración en zonas rurais, tamén para propietarios de chans forestais. Con todo, desde a organización destacan que se trata dunha xornada aberta a todos os consumidores en xeral polo que a entrada será libre. Recomendan inscribirse a través dun formulario en liña, para controlar a asistencia e facilitar a degustación dos produtos xa desenvolvidos.

A apertura do acto correrá a cargo do alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, e a continuación os responsables do proxecto farán unha presentación do mesmo e unha breve explicación da xestión forestal levada a cabo para o seu desenvolvemento. Seguidamente haberá unha descrición dos 5 froitos seleccionados, os seus usos tradicionais e os produtos xa existentes.

O acto tamén contará con senllos relatorios sobre “Requirimentos, limitacións e potencial do aproveitamento” destes froitos silvestres e sobre as fases de “Produción e comercialización piloto”. A continuación, celebrarase unha mesa redonda para reflexionar e debater sobre o potencial de comercialización dos mesmos.

Finalmente, os organizadores previron unha degustación dalgúns dos máis de 30 novos produtos gastronómicos ata o de agora desenvoltos no transcurso do proxecto e a apertura dunha rolda de preguntas e debates sobre os temas tratados.

 

 

Sesión práctica de elaboración de produtos

O evento divulgativo do proxecto compleméntase ao día seguinte, o 3 de xullo pola mañá, cunha sesión práctica de elaboración de produtos con piñas verdes, landras e escaramujos no que participarán os alumnos do Obradoiro e profesionais convidados no obradoiro do Centro de Iniciativas Municipais da Veiga CIMA.

O Proxecto Plantas Olvidadas está auspiciado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) e inclúese no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Back to top button