A VeigaConcellosSen categorizarÚltima hora

O PSdeG-PSOE da Veiga critica a “falta de médico de garda nalgunhas fins de semana” neste municipio

Dende o Sergas responden que "as gardas médicas na Veiga son sempre localizadas e, cando non é posible atendelas por parte do persoal facultativo adscrito ao centro de saúde (1 médico), a cobertura realízase directamente desde o PAC de Viana"

Panorámica da Veiga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A través dunha nota de prensa emitida esta mañá o PSdeG-PSOE da Veiga critica “a falta de médico de garda nalgunhas fins de semanas, situación que está a causar graves problemas entre a veciñanza”. Ademais os socialistas aseguran que o pasado domingo día 20, “unha veciña do municipio de 92 anos de idade atopouse indisposta, pero non puido recibir atención sanitaria ante a ausencia do médico de garda, falecendo pouco despois e a pesar de que ata o lugar se desprazou unha ambulancia do 061 dende A Gudiña, que tardou unha hora en chegar, pero nada puido facer para reanimar a esta veciña”.

O grupo municipal socialista da Veiga di que esta situación “non é nova” e apuntan a que “levamos tempo denunciando o abandono reiterado por parte das institucións ao noso municipio e veciñanza”. Os socialistas din que “a saúde da veciñanza é prioritaria e por este motivo esiximos unha solución definitiva a este gravísimo problema de falta de facultativos no municipio”.

Así mesmo, no seu comunicado o partido socialista indica que “o concello de A Veiga é o máis extenso da provincia, con 290,50 quilómetros cadrados e conta con 29 núcleos de poboación e unha densidade poboacional de 3,05 habitantes por quilómetro cadrado. Somos un dos concellos coa idade media máis alta da provincia, que chega aos 60 anos”. Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de A Veiga piden “solucións para que a nosa veciñanza teña a atención sanitaria que merece”.

A resposta do Sergas

Ante as manifestacións do socialistas veigueses, o Sergas responde que “os concellos da Veiga-O Bolo constitúen polas súas características xeográficas e demográficas unha das poucas Zonas Especiais de Garda de Galicia, segundo se recolleu expresamente no Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 172/1995, de 18 de maio). Precisamente para garantir unha atención de proximidade a maiores da ofertada polos PAC máis próximos a estas poboacións: Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras”.

Ademais Sanidade explica que “as gardas médicas na Veiga son sempre localizadas e, cando non é posible atendelas por parte do persoal facultativo adscrito ao centro de saúde (1 médico), a cobertura realizase directamente desde o PAC de Viana do Bolo, dándose sempre aviso ao 061, extremando a vixilancia e coordinación, sendo esta central de emerxencias a que moviliza os recursos que require cada urxencia.

Así mesmo, a Dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco “desexa facer público o seu rexeitamento ao uso político de unha paciente e ás súas circuntancias clínicas, así como que se ofenda gravemente ao persoal sanitario deste concello e comarca imputándolles unha suposta falta profesionalidade e coñecementos para manexar un desfibrilador, equipo básico dispoñible en todos os centros sanitarios do Sergas”.

Artigos relacionados

Back to top button