Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE presenta as súas candidaturas ás eleccións galegas

O valdeorrés Eladio Santos figura como número catro na lista pola provincia de Ourense

 

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, interviña esta mañá en Santiago na presentación das candidaturas do PSdeG nestas eleccións xunto coas cabeza de lista das catro provincias, Patricia Iglesias -A Coruña-, Lara Méndez -Lugo-, Carmen Dacosta -Ourense- e Elena Espinosa -Pontevedra-. Na lista por Ourense figura, como número catro, Eladio Santos, que foi edil de Comercio e Turismo no anterior mandato local e actualmente é secretario xeral da Agrupación Socialista do Barco.

Besteiro presentaba unha “alternativa de goberno liderada polo PSdeG que representa o galeguismo útil, o que soluciona os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas, o que consigue para o noso país o que ningún outro partido é capaz de conseguir”. O candidato socialista desgranou as liñas mestras do proxecto alternativo centrado na blindaxe dos servizos públicos e a reactivación económica de Galicia en base ao emprego de calidade.

Defendeu un plan integral de recuperación da Atención Primaria para evitar o colapso das urxencias, que constitúe “outra gran crise que seguen negando” dende o goberno galego. Propuxo un plan de choque de política de vivenda cunha batería de medidas que garanta o acceso á vivenda con prezos xustos, así como un Pacto Galego polo Eólico e as enerxías renovables que faga de Galicia “un territorio enerxético”.

O candidato socialista apostou por “seguir traballando pola reindustrialización de Galicia no marco da transición ecolóxica e no contexto de emerxencia climática”. Gómez Besteiro engadiu que completar o mapa das infraestruturas galegas será un dos principais eixos da súa xestión de goberno nunha Galicia que debe seguir “camiñando cara á gratuidade da AP-9”, e que deberá estar “preparada para a posta en marcha dos trens Avril”.

 

 

Candidatos

No acto interviña a número 2 por Lugo, a ex alcaldesa Lara Méndez, que defendeu o proxecto de goberno de Besteiro para situar a Galicia “na vangarda e no futuro”, que pare coa fuga de talento da mocidade mellor preparada. A cabeza de lista por Ourense, Carmen Dacosta, chamou á mobilización para “pasar páxina e mudar o futuro de Galicia” fronte a un Rueda “gris” que obvia ás mulleres, aos mozos, aos dependentes, parados, ao sector industrial e aos concellos e reivindicou a “aposta polo reequilibro territorial”.

A número 1 por Pontevedra, Elena Espinosa, animou á cidadanía a “limpar a contaminación política da Xunta de Galicia” e reclamou un goberno socialista que remate co “desprezo” aos alcaldes e alcaldesas do PSdeG. Finalmente, a cabeza de lista por A Coruña, Patricia Iglesias, criticou a xestión dun PP que “coloniza a Xunta negándose a desenvolver o autogoberno” e sinalou: “a Xunta é das galegas e dos galegos”.

O acto comezou coa intervención do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que animou á mobilización nos “poucos días que quedan para cambiar o destino do país” cun novo goberno encabezado por Gómez Besteiro”. Formoso comprometeu un goberno “sensible coas persoas” que permita acadar “a Galicia soñada”.

Artigos relacionados

Back to top button