A militancia socialista na provincia de Ourense decidía neste domingo a súa representación de delegados e delegadas no 40º Congreso Federal do PSOE entre as dúas listas presentadas: a do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a da ex deputada autonómica Noela Blanco. Este proceso electoral desenvolvíase en 22 centros de votación da provincia, entre eles tres na comarca de Valdeorras: os do Barco, Vilamartín e A Rúa. Tamén había unha mesa en Trives e outra en Vilamartín.
En total emitíanse 928 votos sobre un censo de 1.338 militantes (un 69,35% de participación). Así, a candidatura encabezada polo rexedor carballinés lograba un total de 548 votos (un 59% do total de sufraxios), fronte aos 369 (un 40%) obtidos pola encabezada por Noela Blanco. Ademais había 6 votos en branco e 5 nulos.
Así, a lista máis votada, a de Fumega, levará a metade dos delegados máis 1, é dicir, un total de 5; xa que a segunda lista rexistra máis dun 20% de votos e terá 3 representantes.
Deste xeito, a representación ourensá no congreso socialista contará con 5 membros da lista de Fumega: o propio Fumega, a rexedora de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso Uxía Tizón; e o valdeorrés Eduardo Ojea. Tamén irán 3 membros da candidatura de Blanco: a propia Noela Blanco, José Antonio Nóvoa e a concelleira de Ourense Natalia González.
Resultados por centros de votación
No caso das mesas valdeorresas os resultados da votación eran os seguintes: no Barco Francisco Fumega obtiña 15 votos e Noela Blanco 9, mentres que na Rúa eran 6 para Fumega e 4 para Blanco e en Vilamartín 1 para Fumega e 9 para Blanco. Ademais en Viana do Bolo a lista de Fumega lograba 1 só voto e a de Blanco 9.
As valoracións
Nada máis coñecer os resultados do escrutinio, Noela Blanco, valoraba o resultado, agradecendo a participación dos militantes do partido neste proceso, así como dos compañeiros da súa candidatura (da que tamén formaba parte a valdeorresa Raquel Méndez. “Tamén era para nós importante, e era o segundo obxectivo, constatar un malestar con respecto a como se estaban facendo as cousas dende a executiva provincial”, indicaba, destacando o 40% dos apoios conseguidos neste proceso. Ademais, de cara a buscar unha “solución a ese malestar”, Blanco di que “tendemos a man á executiva provincial, porque como viñemos repetindo só podemos acadar a unidade cando haxa normalidade”.
Tamén de agradecemento eran as primeiras palabras de Francisco Fumega, tras coñecerse o resultado das votacións. “En primeiro lugar quero darlle as grazas ao conxunto dos militantes e á xente que este domingo estivo nas mesas”. Ademais sinalaba que “este é un proceso para unirnos, hoxe somos todos compañeiros, imos remar todo o partido, todos os militantes na mesma liña porque da unión das persoas que conforman este partido vai saír a posibilidade de acadar resultados que perseguen mellorar a calidade de vida da xente. Todos estamos no mesmo barco, veñen procesos intensos para o partido e deses procesos vai depender que poidamos gobernar esta provincia e a maioría dos concellos da provincia, esa é a conclusión que temos que sacar hoxe. Temos un partido marabilloso e uns militantes marabillosos e que poden escoller, cousa que non pasa noutros partidos”.
Fotos: Mónica G. Bellver/ A.R.