EconomíaEconomíaÚltima hora

O público volve encher o recinto da XL Feira do Viño de Quiroga neste domingo

 

Neste Domingo de Pascua o público volvía abarrotar o recinto da XL Feira do Viño de Quiroga, mostra que se desenvolvía ao longo desta fin de semana na rúa Real deste vila lucense. Os visitantes percorrían as casetas da ducia de adegas participantes nesta edición (11 da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e unha convidada da D.O. Ribeiro, Son do Arrieiro) para degustar os seus tintos e brancos mentres soaba a música tradicional do grupo de gaitas O Recanto.

Entre eses visitantes estaban autoridades como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e polo pregoeiro desta edición da feira, o actor Iván Sánchez. Castro poñía en valor a calidade do viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e dos produtores amparados baixo esta D.O, así como o potencial do enoturismo “como ferramenta de dinamización socioeconómica e de impulso dun turismo de calidade e sustentable para este territorios”.

Na súa intervención, Nava Castro fixo fincapé na importancia do “sector vitivinícola na nosa cultura e describiuno como un dos eixes da sociedade e a cultura de Galicia”. Así mesmo, incidiu a necesidade deste tipo de iniciativas en aras de facer visibles “as riquezas da nosa terra na búsqueda de atraer un maior número de turistas e incentivar así o turismo naquelas zonas onde o despoboamento afecta de maior maneira”.

A Feira cumpre 40 anos dende a súa primeira edición, converténdose nun dos eventos relacionados co mundo do viño máis importantes da Ribeira Sacra.

A mostra continuaba pola tarde con actividades como un espectáculo infantil e familiar, “Rufina e Benito”, a cargo de Troula Animación na mesma rúa Real.  A partir das seis volvía soar a música, desta volta da man da charanga Louband.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button