Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

O Quiroga Trail Challenge, cuxas inscricións se abrirán o 13 de outubro, reinvéntase para evitar as zonas afectadas polos incendios

As Montañas do Lor recuperan protagonismo na XII edición desta proba, prevista para febreiro do vindeiro ano

Foto: Miguel Rúa.

 

Despois de valorar o alcance e a gravidade dos múltiples incendios que arrasaron o concello de Quiroga este verán, a organización do Quiroga Trail Challenge decidiu regresar cunha parte da proba aos temidos territorios da Montaña do Lor “que, aínda que tamén arderon, víronse menos afectados que os que discorren polo leste do municipio quirogués”, comentan os organizadores.

Neste senso a organización non dubidou en atrasar o período de inscrición ata poder tomar decisións con seguridade. “Resulta do todo inviable utilizar percorridos que pasen por zonas queimadas pola propia seguridade dos corredores e tamén pola recuperación do chan; aínda así, o que non dubidamos en ningún momento é en celebrar igualmente a proba porque agora resulta máis necesario que nunca” nos explica Blas Rodríguez, director da organización.

Con practicamente os novos percorridos deseñados, a edición do 2026 daralle a volta á orde habitual. O sábado, día 28 de febreiro, dominará o territorio do Lor con distancias para gusto de todos: desde as distancias ultras e maratón de 67, 55 e 42 km, ata as distancias medias de 35 e 29 km ou as máis curtas de 17 e 9 km respectivamente.

O domingo correrase polas zonas que non arderon do “Castelo”, podendo escoller entre 25, 17 ou 10 kms. Sen esquecer aos andarines que tamén poderán elixir entre as dúas distancias máis pequenas dos percorridos do domingo: 17 ou 10 kms aproximadamente. Igualmente manteranse as opcións de correr en circuíto ou só un dos dous días.

O día 13 de outubro, ás 20.00h, abrirán as inscricións e darán a coñecer os percorridos exactos de todas as distancias. Desde a organización da proba confían en poder manter as expectativas de edicións pasadas e que o QTC26 siga sendo afestadotrailgalego.

Back to top button