Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

O Quiroga Trail Challenge retrasa a apertura de inscricións polos graves incendios na zona

Foto: Gabriel Rodríguez.

 

A dirección do Quiroga Trail Challenge, que se celebrará a finais de febreiro do 2026, tiña previsto abrir as súas inscricións o día 1 de setembro. “Co inicio dos múltiples incendios que comezaron fai máis dunha semana e que afectan a diversos pobos do concello de Quiroga e a unha parte importante do percorrido da proba” veñen de decidir atrasar as devanditas inscricións.

Catalogado xa este evento como o maior e máis grave incendio ocorrido ata o momento en Galicia, consideran prudente esperar ata poder valorar o alcance e gravidade da catástrofe. “Nestes momentos o primordial é garantir a seguridade das persoas e os pobos”, comenta Blas Rodríguez, organizador do QTC. “Os incendios arrasaron parte do percorrido polo que discorren varias das carreiras do sábado. Para empezar coa apertura das inscricións é imprescindible coñecer con exactitude como se van a desenvolver esas distancias en quilómetros, percorridos, desnivel, tipo de terreo, etc…”, explícanos.

“Non podemos ofertar carreiras que agora mesmo non sabemos se se van a poder realizar. A gran vantaxe é que contamos sempre coa alternativa de volver realizalas nas montañas do Lor que, por sorte nesta ocasión non se viron afectadas; deste xeito, evitariamos as zonas queimadas”.

O que asegura a organización é a continuidade do evento, que se celebrará o 28 de febreiro e o 1 de marzo do 2026, contando sempre co apoio do Concello de Quiroga como coorganizador e do resto dos seus patrocinadores.

“Á espera e co desexo de que a situación mellore e de que, por fin, cese este desastre ambiental”, anunciarán ao longo do mes de outubro a nova apertura de inscricións, así como os cambios que consideren oportunos.

Back to top button