DeportesÚltima hora

O Quiroga Trail Challenge supera unha vez máis os 1.000 inscritos a menos dun mes da súa celebración

Foto: Miguel Rúa.

 

Na XI edición do Quiroga Trail Challenge, que se celebrará os días 15 e 16 de febreiro, máis dun milleiro de amantes deste deporte volverán gozar da espectacular contorna natural que nos ofrece o Xeoparque Montañas do Courel en todo o seu esplendor.

Con representación de 16 comunidades autónomas, 32 provincias e, mesmo, participantes do país veciño, Portugal, o evento cruza fronteiras sen parar. “Os números non deixan lugar a dúbidas: o 24% de rexistrados este ano son mulleres e o 23% do total proveñen de fóra de Galicia. Impresionan igualmente o número de corredores nas probas de longa distancia: 150 nas ultras e 140 na maratón, cantidades moi pouco habituais nestas modalidades en Galicia”, tal e como destacan dende a organización do evento.

Así mesmo sinalan que, desde hai meses, “atópase ao máximo de ocupación hostaleira toda a comarca de Quiroga e arredores, tanto Monforte como Valdeorras. Non é para menos debido a que o sábado, día 15, correrán uns 900 deportistas e o domingo, día 16, preto de 400, repartidos entre todas as modalidades que nos ofrece o evento a fin de semana. A isto hai que engadirlle os case 200 voluntarios que garanten o éxito de cada carreira e os, tamén cada vez máis numerosos, acompañantes que gozan da contorna e da extensa cultura gastronómica da comarca”, comentan os promotores.

 

Foto: Miguel Rúa.

 

A organización do QTC´25 destaca a importancia que para eles ten este éxito nas inscricións, tanto de corredores como de voluntarios. “Superar os 1.000 participantes e os 200 voluntarios outra vez énchenos de orgullo e satisfacción; para nós é a mellor recompensa; tendo en conta o crecente número de probas que hai actualmente non podemos máis que agradecer a fidelidade dos que sempre repiten e, especialmente, de todo o voluntariado que nos apoia, así como dos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e dos numerosos colaboradores e patrocinadores porque sen eles non sería posible”, transmítennos emocionados Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores do evento.

A organización tamén indica que xa están todos os percorridos rozados e preparados para adestrar. Co peche de inscricións o día 2 de febreiro, comeza a conta atrás para unha nova#festadotrailgalego.

Back to top button