EconomíaEconomíaÚltima hora

O Restaurante La Viúda de Trives, galardoado nos II Premios da Cociña Galega

 

Na tarde do martes 27 de outubro celebrábase no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a gala dos Premios da Cociña Galega, unha iniciativa que recoñece o traballo de cociñeiras e cociñeiros, dos establecementos hostaleiros e dos profesionais que contribúen a preservar e impulsar a identidade gastronómica de Galicia, á que acudía o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles.

Organizados pola Asociación Amigos da Cociña Galega e a Fundación A Muiñeira, os premios celebran este ano a súa segunda edición, coa participación de 57 establecementos finalistas das catro provincias galegas, distribuídos en 19 categorías. A gala contou coa presenza de máis de 200 persoas e cun xurado integrado por máis dun cento de profesionais do ámbito gastronómico.

 

 

Os premios recoñecen elaboracións representativas da cociña galega, desde o polbo á feira, o cocido, a empanada ou as filloas ata diferentes receitas de peixe, marisco e carnes. Tamén dan visibilidade a propostas que contribúen a recuperar pratos esquecidos e a preservar espazos tradicionais de restauración. O Restaurante La Viúda de Trives foi recoñecido como “Casa Senlleira de Comidas de Galicia”, recollendo o galardón o seu representante, o cociñeiro Anxo Trives.

No decurso da gala, Merelles destacou que a gastronomía é “todo un pilar do modelo turístico galego”, asentado na autenticidade na que xira a Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Neste sentido, destacou o labor dos profesionais que conservan as receitas tradicionais, os produtos autóctonos e os coñecementos culinarios transmitidos de xeración en xeración. “Galicia ten moitos motivos para presumir, pero a gastronomía é unha das experiencias que máis lembran as persoas que nos visitan, e tamén unha das razóns para volver”, sinalou. A cociña galega contribúe a prolongar as estadías, descubrir novas localidades e comarcas e xerar actividade económica tanto nas cidades como no rural.

 

 

O director de Turismo de Galicia incidiu tamén no valor da unión entre tradición e innovación que promoven estes premios, ao recoñecer tanto os establecementos que conservan a esencia da cociña galega como aqueles profesionais que incorporan novas propostas respectando a calidade e a autenticidade do produto. Neste sentido, destacou que as receitas e técnicas culinarias transmitidas entre xeracións constitúen “un verdadeiro patrimonio inmaterial e un valor incalculable para o noso turismo”.

De cara ao Xacobeo 2027, o director de Turismo de Galicia destacou a oportunidade que representa a chegada de visitantes para seguir proxectando a identidade gastronómica de Galicia. “A cociña galega é parte esencial da experiencia dos turistas e tamén dos peregrinos”, afirmou. Neste contexto, subliñou a importancia de ofrecer a quen visite Galicia unha “gastronomía auténtica, acolledora e de calidade”, posto que a cociña galega é “unha das mellores cartas de presentación do territorio” e este tipo de iniciativas contribúen a poñelo en valor.

 

Back to top button