Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

O reto solidario ‘Correndo polos que non poden’ chegará a Quiroga o 9 de agosto

O ultrafondista Fernando Velasco Magaldi correrá 54 quilómetros polos concellos de Quiroga e Ribas de Sil en apoio ás enfermidades raras e ás persoas con discapacidade

 

O vindeiro 9 de agosto terá lugar unha das etapas do reto ‘Correndo polos que non poden’, iniciativa solidaria organizada pola proba deportiva Quiroga Trail Challenge, en colaboración co Concello de Quiroga.

O corredor rioxano Fernando Velasco, envorcado desde hai anos coa visibilización de enfermidades raras como o ELA ou a esclerose, lidera o reto de correr 2.000 quilómetros repartidos entre varias comunidades autónomas españolas e 330 kms do soado Tor de Geants, nos Alpes italianos. “Nada menos que 2.330 kms loitando por aumentar o investimento na investigación destas enfermidades e pola integración e inclusión das persoas con discapacidade”, explican dende a organización do Trail Challenge.

A etapa de Quiroga celebrarase o sábado desde as 8 ata as 14 horas. O circuíto deseñado polo QTC, en apoio a esta iniciativa, consisitirá nun percorrido duns 13,5 kms ao que o atleta dará 4 voltas para alcanzar os 54 kms que adoita percorrer en cada etapa.

 

 

Con saída e chegada ao Albergue de Quiroga, o percorrido pasará pola rúa Real para dirixirse ao paseo fluvial de San Clodio pasando pola estación de ferrocarril e a presa de Sequeiros. Chegará a Os Novais e ao Castelo, para encamiñarse cara ás viñas de Casa de Outeiro e os pobos de Caspedro e San Xulián de Arriba. Regresará ao centro urbano quirogués polo paseo fluvial ata chegar de novo ao Albergue.

“Todo aquel que se anime a acompañar a Fernando será máis que ben recibido, en calquera volta e coa distancia que se prefira. Sen dúbida, a ocasión perfecta para coñecer máis de preto o seu reto e algunha das experiencias xa vividas”, din dende a organización.

Co lema “O que non se ve, non se coñece. O que non se coñece, non se investiga”, Fernando anímanos a sumarnos ao seu proxecto.

 

Back to top button