En portadaEntroido 2022Última horaVídeos

O ritmo telúrico do Entroido toma Trives

Doce folións participaban esta tarde nunha nova edición xuntanza que organiza a Asociación Os Labregos

 

Cada unha co seu toque identificativo e coas súas engaiolantes máscaras. Algunhas das manifestacións máis senlleiras do Entroido da parte oriental da provincia despregábanse na tarde deste domingo 20 de febreiro polas rúas de Trives, constituíndo unha das primeiras referencias destacadas deste Entroido.

 

 

Arredor das catro da tarde poñíase en marcha dende o Concello de Trives a Xuntanza de Folións que vén organizando a Asociación Os Labregos dende o ano 2004. Eran precisamente os seus Boteiros e o seu folión os que abrían o desfile que estreaba un percorrido diferente ao de anteriores edición. Así, tras saír dende a praza do Concello, seguía pola praza do Reloxio e polo casco antigo, para, despois enfiar pola rúa San Martín ata finalizar xunto á Praza Abastos.

 

 

Desta volta, ademais do anfitrión participaban os outros tres folións de Trives (A Caniceira, As Maceiras e A Lardeira), xunto cos de Buxán (O Bolo), Carracedo da Serra (A Gudiña), Manzaneda, Os Arrieiros de Petín, o da Veiga, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, Os Viticultores de Vilamartín. O desfile pechábao, como vén sendo tradición, o Folión de Fradelo (Viana do Bolo).

 

 

Nesta ocasión, tras o desfile, non se celebraba a tradicional merenda coa que a organización agasalla aos folións participantes, pero si se lle entregaban de forma individual comida e bebida, como medida preventiva.

A Asociación Os Labregos agradece a resposta e participación dos folións participantes nesta xuntanza que se retoma logo do obrigado parón do 2021 pola pandemia. Tamén se agradece a colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río, que velaron pola seguridade durante o desenvolvemento da xuntanza, así como da Garda Civil de Trives, A Rúa e Viana do Bolo.

Fotos: A.R.

Máis informacións e fotos:

https://osil.info/a-xuntanza-de-folions-de-trives-en-imaxes-1/
https://osil.info/a-xuntanza-de-folions-de-trives-en-imaxes-2/

Artigos relacionados

Back to top button