
A Federación Nacional da Pizarra vén amosar, a través dun comunicado de prensa, a súa “profunda preocupación polo impacto que está a ter no sector a actual crise enerxética derivada do conflito en Oriente Medio, que está a provocar un forte incremento do prezo dos carburantes e do transporte, tanto por estrada como por vía marítima. Esta situación está a afectar de xeito directo á competitividade dun ámbito de actividade estratéxico para Galicia e Castela e León, altamente internacionalizado e cunha gran dependencia da loxística”.
Neste contexto, a Federación Nacional da Pizarra solicita a adopción de medidas urxentes que permitan paliar o incremento dos custos, en liña coas xa aprobadas para sectores como a agricultura, a gandería ou a pesca, que actualmente contan con axudas específicas como subvencións ao combustible —incluíndo apoios directos por litro consumido— e liñas de financiamento para favorecer a liquidez e facer fronte á subida de custos.
O sector da lousa atópase, segundo resalta esta organización empresarial, “especialmente exposto a esta situación debido á súa elevada dependencia dos carburantes en todas as fases da actividade. Trátase dunha industria intensiva no uso de maquinaria en canteira e no transporte do material ata as fábricas, así como no desprazamento do persoal, o que implica un consumo moi elevado de combustibles”.
A iso súmase a súa marcada vocación exportadora, xa que ao redor do 95% da produción destínase a mercados internacionais, realizándose aproximadamente o 80% destes envíos por estrada, o que incrementa aínda máis a exposición ao encarecemento do transporte.
Redución da competitividade
Ademais, o sector está a ver como se reduce a súa competitividade nos mercados internacionais, “dado que resulta practicamente imposible repercutir o incremento dos carburantes e do transporte no prezo final do produto. Esta circunstancia agrávase se se ten en conta que os combustibles constitúen a segunda partida de gasto máis importante para as empresas, só por detrás dos custos de persoal, nunha actividade intensiva en man de obra”.
O aumento sostido dos custos de produción e de transporte a destino está a xerar, por tanto, “unha perda progresiva de competitividade fronte a outros materiais alternativos, o que pode ter consecuencias directas na posición do sector nos mercados internacionais”, indica a federación.
Por este motivo, a Federación Nacional da Lousa considera “imprescindible a posta en marcha de medidas específicas para o seu ámbito de actividade equiparables ás dos outros sectores primarios”. Neste sentido, o presidente da entidade, Eliseo López, advirte de que “nos atopamos ante unha situación preocupante xa que a subida dos carburantes encarece o prezo do transporte xerando un impacto moi negativo nun sector como o noso, fortemente dependente da exportación e da loxística”.
“Por iso solicitamos medidas urxentes similares ás aprobadas para outros sectores como axudas directas ao combustible ou liñas de financiamento específicas”, conclúe.