EconomíaEconomíaÚltima hora

O sector da pedra natural analiza na CEO os riscos legais e sanitarios do uso de sílice cristalina respirable

A xornada, organizada pola Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense, reuniu a empresarios, técnicos e representantes institucionais para abordar riscos e solucións

 

A xornada técnica ‘Normativas, oportunidades e recursos para o sector da pedra natural. Sílice: unha ameaza para a túa saúde e o teu negocio’ desenvolvíase esta mañá na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). A sesión estaba organizada pola Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense (APG) en colaboración con entidades públicas e centros técnicos especializados. A sílice cristalina respirable, considerada canceríxena, foi o eixo desta xornada centrada na saúde laboral e a sustentabilidade do sector da pedra natural.

O acto foi inaugurado institucionalmente por Marisol Novoa, presidenta da CEO, acompañada por Odilo Rodríguez, presidente de APG Ourense; Ángel López, xefe do centro ISSGA en Ourense; e Rosendo Fernández, deputado da Deputación de Ourense.

A presidenta da CEO destacou o peso específico deste sector en Galicia e Ourense, “unha actividade económica cunha longa tradición na nosa provincia, que conta cunha gran capacidade de xeración de emprego, e que demostrou un forte compromiso coa calidade, a innovación e a sustentabilidade”. Igualmente subliñou os desafíos aos que se enfronta o sector en terreos como a saúde laboral, a prevención de riscos e o cumprimento normativo.

Pola súa banda, Odilo Rodríguez, destacou a colaboración no sector e os fins da asociación, así como a importancia de contar con “ferramentas legais e técnicas ao noso alcance para facer as cousas correctamente, porque protexer a saúde é protexer o noso patrimonio empresarial, o noso futuro e o das persoas que traballan connosco”’. Ángel López, pola súa banda, falou sobre a presenza do po de sílice nos sectores da pedra natural e outros como construción, e lembrou que a prevención é unha das liñas de traballo que o ISSGA leva adiante para reducir as enfermidades profesionais en todos os sectores, sobre todo a través de campañas informativas que se realizan directamente nas empresas.

Rosendo Fernández lembrou a importancia tanto deste sector para as economías de Ourense e Galicia, como da prevención ante enfermidades como a silicose; e eloxiou a celebración de xornadas como a de hoxe para ‘formarse e tomar medidas preventivas nun sector estratéxico como o da pedra natural’.

O evento reuniu a case un centenar de empresarios e profesionais do sector da pedra natural de toda Galicia, así como a representantes e presidentes de asociacións e colexios profesionais, como o Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Ourense, a asociación de empresarios marmolísticos da Coruña (Asoemar), o Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, ou o Clúster da Pizarra de Galicia, e contou coa presenza tamén da directora territorial da Xunta en Ourense, Alicia López.

O obxectivo desta sesión, celebrada tamén vía streaming, era o de analizar as implicacións legais, sanitarias e empresariais do traballo con sílice cristalina respirable, unha substancia clasificada como axente canceríxeno e cuxa exposición pode ter graves consecuencias para a saúde laboral e a viabilidade das empresas.

Mesa técnica sobre os efectos do po de sílice

Durante a mesa técnica, moderada polo docente en prevención Alfonso González, abordáronse cuestións clave como os límites legais de exposición, os efectos reais da inhalación prolongada, a normativa vixente e as obrigacións do empresario, así como as posibles sancións administrativas e responsabilidades legais. Alfonso González realizou unha introdución tanto dos relatores e os temas das súas intervencións, como da asociación de graniteiros e o labor que desenvolve coas empresas deste sector. Os relatores, Francisco Fita, responsable de saúde laboral e formación no Centro Tecnolóxico do Mármore, Pedra e Materiais de Murcia, e María Teresa Pérez, xefa do equipo técnico de medicina laboral do ISSGA, ofreceron unha visión técnica e actualizada dos riscos e solucións preventivas aplicables no sector.

Francisco Hita, ofreceu na súa intervención unha completa exposición sobre as obrigacións normativas e boas prácticas fronte ao risco por exposición a sílice cristalina respirable (SCR), un axente con efectos canceríxenos recoñecido. O relator destacou que o cumprimento da normativa de referencia (Lei de Prevención de Riscos Laborais e Real Decreto 665/1997) é clave para garantir contornas laborais seguros e subliñou a importancia de identificar tarefas críticas (como corte, perforado ou pulido), realizar avaliacións periódicas de exposición, e aplicar medidas técnicas como extracción localizada, ventilación adecuada ou humectación de materiais como medidas preventivas.

Hita incidiu tamén na obrigatoriedade de contar cun Plan de Protección fronte a Po e SCR, integrado no sistema de xestión preventiva da empresa. Este plan debe contemplar formación, vixilancia da saúde, protocolos de emerxencia e control documental exhaustivo, con especial atención á conservación de historiais médicos durante 40 anos. Igualmente, lembrou que a autoridade mineira pode paralizar actividades se se detecta un control ineficaz do risco, o que reforza a necesidade dunha aplicación rigorosa das normativas e dunha coordinación eficaz entre empresas.

Pola súa banda, María Teresa Pérez detallou na súa intervención os riscos graves asociados á exposición ao po de sílice cristalina respirable, especialmente en sectores como a minería, a construción ou o tratamento de pedra. A relatora destacou a silicose como a principal enfermidade profesional vinculada a este axente: unha patoloxía pulmonar crónica, incurable e progresiva, que pode permanecer asintomática durante anos. Tamén se abordaron outras enfermidades asociadas, como o cancro de pulmón e outras patoloxías como a EPOC, tuberculose, colagenosis ou enfermidade renal crónica.

A relatora do ISSGA subliñou que non existe un limiar seguro de exposición e que a única medida eficaz para previr o avance destas enfermidades é evitar a exposición. Así mesmo, fixo fincapé na importancia do diagnóstico precoz a través de radiografías de tórax, o seguimento médico tras a vida laboral e a vixilancia da saúde post-ocupacional.

A xornada finalizou cun coloquio aberto e a intervención de clausura a cargo de Odilo Rodríguez, presidente de APG Ourense, quen celebrou poder contar con espazos de debate e información como esta xornada para “compartir experiencias, resolver dúbidas e construír solucións conxuntas”.

Clausura

Pola súa banda, Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética e Minas, defendía na clausura continuar traballando para que o granito galego siga sendo referente nacional e internacional e demostre as súas vantaxes fronte a outros produtos como os sintéticos.

Nesta liña, o director xeral lembrou que a Xunta “sempre defendeu e defenderá que unha minería xeradora de riqueza é a única minería posible” e que para que esa xeración de riqueza se produza é fundamental que “sexa respectuosa co medio ambiente e compatible coa saúde, tanto dos traballadores como da poboación”. Finalmente, apelou á importancia da prevención e á mellora das condicións, e lembrou a liña de axudas da Xunta para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais, afirmando que “un dos eixos da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030 é a seguridade e saúde laboral, así como o risco cero”.

“Este encontro serviu para reafirmar o compromiso do sector coa seguridade laboral, o cumprimento normativo e a mellora continua, nun momento clave para adaptar os procesos produtivos á lexislación vixente e ás esixencias en materia de saúde e sustentabilidade. A aplicación de medidas preventivas e a implicación activa de toda a organización na súa planificación e seguimento son actuacións fundamentais para atallar os problemas derivados dos riscos neste sector”, destacan dende a organización da xornada.

Fotos: cedidas/ Carlos G. Hervella.

Back to top button