
O sector vitivinícola mantén 15.625 postos de traballo en Galicia e desenvolve a súa actividade en 108 municipios, un de cada tres da comunidade autónoma, segundo os últimos datos que a Interprofesional do Viño de España (OIVE) presentou hoxe durante a xornada ‘Vida con Moderación, Territorio e Lonxevidade: o exemplo de Ourense’, celebrada no Liceo de Ourense.
A presenza territorial do sector vitivinícola constitúe outro dos principais indicadores da súa relevancia social e económica. Neste sentido, o presidente de OIVE, Fernando Ezquerro, destacou que o 62% dos 108 municipios nos que está presente o sector ten menos de 5.000 habitantes, “o que evidencia a súa estreita vinculación co territorio e o seu papel no mantemento da actividade económica no medio rural”.
Pola súa banda, Ana Domínguez, responsable de Economía Aplicada de Analistas Financeiros Internacionais (AFI), detallou que, dos 15.625 empregos vinculados á actividade vitivinícola, 9.005 son directos, 4.840 indirectos e 1.780 inducidos. Estas cifras poñen de relevo a importancia do sector para a economía galega e a súa capacidade para xerar actividade económica noutros ámbitos produtivos.
Territorio, tradición e lonxevidade
Máis aló da presentación dos datos económicos, a xornada abordou a relación entre o territorio, as tradicións e a lonxevidade, con especial atención ao caso de Ourense.
Neste contexto, Cristina Conde, farmacéutica, nutricionista e vicepresidenta da Asociación Ourensividad, identificou catro elementos clave para comprender a lonxevidade en Ourense: “auga, viño, alimentación e comunidade”.
Conde sinalou que a provincia galega reúne unhas condicións singulares para explorar a lonxevidade saudable, grazas á súa tradición termal, o seu patrimonio natural e a súa calidade de vida, estreitamente ligados a unha identidade cultural propia. Así mesmo, destacou que estes elementos conforman un patrimonio que favorece o benestar, o descanso e a conexión coa contorna, mentres que os seus viños, a súa gastronomía e a súa cultura alimentaria constitúen unha expresión da historia e a convivencia do territorio.
Compromiso co territorio
A xornada concluíu coa intervención da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, quen destacou que “o viño foi durante moitos anos un alimento esencial en Galicia e apoialo é apoiar a capacidade do medio rural para seguir crecendo e abrir a porta aos nosos mozos”.
Neste sentido, detallou que a Xunta de Galicia destinou 12 millóns de euros a diferentes liñas de apoio orientadas á reestruturación de viñedos e adegas, a comercialización e promoción do viño tanto dentro como fóra de Galicia e a conservación de paisaxes de especial valor, como os da Ribeira Sacra.
Sobre OIVE
A Interprofesional do Viño de España (OIVE) é unha organización sen ánimo de lucro que agrupa ás entidades representativas da cadea de valor do sector vitivinícola español. Constitúese como un instrumento ao servizo do sector para atallar as súas debilidades a través da unión e traballo conxunto dos diferentes axentes que a forman.