A VeigaConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

O significado e valor da montaña máis aló do deporte, abordado nunha xornada na Veiga

O encontro estaba enmarcado no "Día da Montaña Galega", contaba cos relatores Sebastián Álvaro, César Fernández, Antonio Fernández e Valerià Paül. Continuará este domingo cunha marcha coa xa tradicional "aperta a Trevinca"

 

“O montañismo é moito máis que un deporte. Filosofía, conceptos de vida, de relacionarse… Está cheo de aspectos que van dende os científicos e medioambientais ata os artísticos e mesmo os relixiosos e os sentimentais. A montaña, a subida, a chegada, a permanencia e o descenso supón toda unha serie de reflexións que nos completan un pouquiño máis como seres humanos, con percepción de nós e do mundo que nos rodea”. Así o destacaba Antonio Fernández Pena “Cholo”, presidente do Club Montañas de Trevinca, no decurso da xornada “Día da Montaña Galega”, que se celebraba neste sábado 15 de xuño no Toural da Veiga, e que se inclúa na celebración do XXII Aniversario “Unha aperta a Trevinca”.

 

 

Valerià Paül Carril. Profesor Xeografía USC./ Cedida.

 

Beatriz Fernández Fernández, xefa territorial de Presidencia en Ourense./ Cedida.

 

O programa iniciábase cunha ponencia do propio Fernández Pena, coordinador do encontro, quen lembraba como hai 22 anos un grupo de rapaces facía soar a gaita no teito galego, Pena Trevinca (2.127 m) para conmemorar de xeito simbólico unha “aperta” a esta montaña. Un xesto que se rememora dende entón cada mes de xuño cunha marcha a ese cume. Tamén interviña Valerià Paül, profesor de xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, cunha ponencia titulada “As Montañas de Trevinca: territorios, paisaxes, ambientes”. Logo dabáse paso a unha mesa redonda cos citados relatores, ademais do alcalde da Veiga, Juan Anta.

 

 

Xa pola tarde enceteba a sesión César Fernández Gil, alcalde de Ribadavia e vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, coa ponencia “Filosofía e Montaña”. Era presentado polo alcalde da Veiga, Juan Anta. “César é un exemplo de político formado que cre no territorio, que defende o territorio e a montaña e o turismo sostible, e o que defende incluso dende a filosofía, dende a súa experiencia, dende a súa visión de natureza e que sempre é un orgullo escoitalo”.

Fernández Gil falaba como filósofo explicando o vínculo e a relación histórica entre a filosofía e a montaña e usando como imaxe da súa exposición o cadro “O camiñante sobre o mar de nubes” de David Fiedrich. “Esta relación iníciase nun tempo que podemos considerar prefilosófico: a época das explicacións mitolóxicas gregas, onde a referencia xa era unha montaña: o monte Olimpo, onde estaban eses deuses. E eran eles os que nos describían como era a realidade e configuraban esa realidade. A parte de abaixo, que estaba nesa realidade tiña constantemente esa aspiración de buscar e de entender que se agochaba nese Olimpo. E esas visións mitolóxicas conectaban coa explicación da realidade”.

 

 

Dende albores da filosofía, nese paso do mito ao logos, ao ámbito da explicación racional, sen perder esa relación coa montaña xa que está ten, dicía o relator, “dous elementos claves para o desenvolvemento do pensamento e da filosofía”. Un deles é a perspectivas “porque cando estás en alto tes unha perspectiva que che permite contemplar cunha amplitude coa que non podes mirar dende abaixo. E ao final a filosofía sempre pretendeu ser un coñecemento con carácter holístico, totalizador, que puidese explicar todo. E ao longo da historia os filósofos plantexan a chegada ao coñecemento como unha subida, como quen escala unha montaña e para iso temos o mellor dos exemplos que é Platón co mito da caverna (A República).

En segundo lugar mencionaba “a dificultade que implica escalar e coroar unha montaña, esa superación, esa necesidade de xogar no límite dun mesmo, no físico, no intelectual, no sentimental… que é similar á de ascender na liña do coñecemento, de intentar desbordar ese límite, que tamén resulta paralela a que ten un individuo no seu día a día ao afrontar os retos da vida, da sociedade, das relacións cos demais”. Tamén lembraba como moitos filósofos importantes da historia se retiraban a reflexionar á montaña porque é un lugar que che permitía esa tranquilidade, esa visión ampla e esa perspectiva e é o lugar ideal para pensar”. Comentaba tamén que a relación do home coa montaña, tamén “de dominación”, citando a Heidegger e aludindo á filosofía ilustrada no referente ao dominio da natureza. E a partir de aí iniciaba un percorrido polo pensamento de diferentes autores, poñéndoos tamén en relación coa montaña.

 

 

A continuación interviña o montañeiro, aventureiro e escritor, Sebastián Álvaro Lomba, quen fora director do programa de TVE “Al filo de lo imposible” durante 27 anos, que era presentado por Antonio Fernández, quen máis alá da súa experiencia como montañeiro, destacaba dous aspectos da súa traxectoria. Por unha banda, o proxecto humanitario Hushé (aldea de Pakistán aos pés do K-2, a máis de 3.000 m de altitude. “Ese proxecto de axuda aos demais fixo que se vivira un pouco mellor. Pero tamén estivo aquí con Víctor e Tina, unha parella afectada de Crohn e do ELA, e dedicoulle parte do seu tempo a facer que estas persoas non perderan a ilusión de chegar a Pena Trevinca. Estes aspectos no social, no humano, no sentimental son os que marcan a importancia dunha persoa”.

 

 

Daba así paso a Sebastián Álvaro coa ponencia “Roubando tempo á morte”. Comezaba confesando que para el a montaña “é a vida. Non é que eu ordenara a montaña nun programa de aventura no que fixemos 355, e que foron as montañas as que ordenaron a miña cabeza e o certo é que foi moi satisfactorio, non só a nivel profesional, senón sobre todo a nivel ético e moral. As montañas fainos mellores”. Ademais aludía a Walter Bonatti, un referente para el, que nunha entrevista lle falaba da montaña como realización, da montaña “como metáfora e escola da vida”.

 

Álvaro Sebastián, coa directiva o Club de Montañismo Montañas de Trevinca./ Cedida.

 

Sebastián Álvaro, con membros da directiva do Club Peña Trevinca Barco./ Cedida.

O afán por ascender ao pico dunha montaña, dicía, ten que ver “coa curiosidade de enfrontar a adversidade e traballar os propios medos. De feito alguén dixo que a historia do montañismo non é a historia da conquista das cimas, senón que é a historia da conquista dos nosos propios. E isto é algo que ten que ver cun acto íntimo e gratuíto, máis que cun deporte. Cando o tempo se detén ten que ver con dúas cousas que coñezo moi ben: o amor e as montañas. Por iso tense dito que as montañas son esa forma de roubarlle tempo á morte”.

 

 

Na súa intervención facía tamén un repaso por figuras que “impulsaron a historia da aventura”, para lembrar os grandes pasos que se deron no montañismo, que viñeron da man de aventureiros e da tecnoloxía humana”. Tamén mencionaba o proxecto de “Al filo de lo imposible”, recordando diversos momentos do mesmo e resaltando, despois da súa longa experiencia, “a aprendizaxe que supón a montaña”.

O programa da xornada incluía despois visitas á aldea de Ponte e ao Centro Astronómico de Trevinca. Mañá retomaranse as actividades coa marcha ao cima de Pena Trevinca, con saída ás 9h. dende Vilanova (A Veiga), cun traxecto polo Pico Maluro e o Crestón do Lombo do Roncín ata o cume. Unha vez alí farase unha homenaxe á montaña galega cunha “Aperta a Trevinca” por parte de Sebastián Álvaro.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button