
Os próximos días 3, 4 e 5 de xullo Valdeorras volverá ser protagonista grazas a un dos xa clásicos eventos do verán en Galicia: SilFest 2025. A súa organización acaba de desvelar o seu cartel completo, dando a coñecer os nomes dos artistas que se suman aos de Herdeiros da Crus, Biznaga, Mujeres, Repion, Celia Becks e Kokoshca.
Así o cartel desta nova edición complétase con Pavlenha, Javier Lago, Helena Egea, e cos valdeorreses Mrs. Fine, Scala, Pándega e Nerea Jiménez. Tamén actuarán neste festival Dani Argü Dj, Hawkins Djs e DJ90.
O SilFest segue “madurando, consolidóndose xa como alternativa aos grandes festivais. Non queremos ser como os demais. Iso témolo claro. O SilFest é experiencia”, contan os seus organizadores. Ademais destacan que neste evento o público poderá descubrir “artistas emerxentes e gozarán de grandes bandas como se merece: sen aglomeracións, cun bo Godello de Valdeorras na man ou unha cana de Mahou ben fresquita e gozando do bo ambiente que sempre se xera a beiras do Sil”.
Así mesmo volverá supoñer unha oportunidade para “descubrir novos sabores e cheiros nas nosas catas e talleres, navegar o Sil en kaiak ou gozar cos máis pequenos na completa programación que estamos a preparar para o MiniSilFest…”, adiantan.