OurenseÚltima hora

O sorteo nacional da Cruz Vermella repartirá 1.000.000 de euros dende a praza Maior de Ourense

O evento será o sábado, 8 de abril, e o custo dos boletos será de 12 euros e poderán adquirirse nos máis de 21 puntos de distribución repartidos por toda a provincia
Rosendo Ferández, Jesús Vázquez, Manuel Gómez e Felipe Ferreiro. // Foto: Carlos Asensio.

A Praza Maior de Ourense encherase este sábado, 8 de abril, ás 13:00 horas de sorte e moita xente. Cruz Vermella española vén de escoller a cidade das Burgas para celebrar o seu tradicional soreto especial de Lotería Nacional. A entidade sen ánimo de lucro, en colaboración con Loterías y Apuestas del Estado, emitiu un total de dez series de 100.000 billetes, cada unha a 120 euros o billete, dividido en décimos de 12 euros.

Os décimos poderanse adquirir 21 puntos de venta que Loterías y Apuestas del Estado ten distribuídos pola provincia. Dese total 9 atópanse na capital e 12 repartidos polas diferentes localidades ourensás.

En total, informan dende Cruz Vermella, distribuiranse en premios o 70% da emisión, é dicir, un total de 84 millóns de euros divididos nun primeiro premio de 1.000.000 de euros por serie, un segundo premio de 250.000 euros e un terceiro premio de 50.000 euros por serie. O director de Relacións Institucionais de Loterías y Apuestas del Estado, Manuel Gómez, sinalou que esta é a 84 edición deste premio e que están moi contentos de “repartir a sorte entre os españois”. Asemade, engadiu que dende Loterías y Apuestas del Estado “tamén inviertimos en obras de carácter social”, en concreto, en Cruz Vermella invisten “case 15 millóns de euros ao ano”, cifrou.

Os encargados de repartir a sorte serán nove nenos do clexio de San Idelfonso, acompañados por oito rapaces e rapazas usuarios do programa Cruz Vermella Xove e 15 membros do persoal de Cruz Vermella. Toda España terá a atención posta neles, xa que un amplo dispositivo fará que este sorteo póidase ver a nivel nacional.

Neste senso, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou na presentación de hoxe, 4 de abril, que “Ourense será o centro de España e este evento servirá como postal da cidade”. O rexedor municipal salientou que capital “está encantada de recibir eventos coma estes”, de feito, é a primeira vez que este sorteo vén á capital, e a segunda que vén a Galicia – a primeira foi a Pontevedra no ano 2011-. Na mesma liña falou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, tamén presente na rolda de prensa: “estamos seguros de que este sorteo será moi ben recibido por todos. Sentímonos moi satisfeitos de acoller este evento que é por unha excelente causa”.

Pola súa parte, o presidente da Cruz Vermella de Ourense, Felipe Ferreiro, expresou a súa gratitude por que tivesen escollido Ourense para este evento: “porque xa lle tocaba a Ourense”, dixo. Ferreiro contou que actualmente Cruz Vermella traballa con case 4.000 socios en toda a provincia e máis dun millón a nivel estatal. Entre os programas que levan a cabo está o de axudar a sete familias de refuxiados na provincia de Ourense.

Os catro participantes animaron a todos os ourensáns a que se acheguen ao seu punto de venda a mercar o boleto e a acudir á Praza Maior o sábado para gozar do espectáculo. O representante de Loterías y Apuestas del Estado, Manuel Gómez, dixo que o premio podería caer en Ourense, “nunca se sabe”, concluíu.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button