
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba hoxe que a nova marquesiña provisional da estación de tren é “outro compromiso cumprido do Goberno con Ourense”. O subdelegado supervisou esta mañá o resultado das obras da infraestrutura, xa instalada, acompañado do director adxunto de Construción en Adif Alta Velocidade Juan Pablo Villanueva; da deputada no Parlamento galego, Carmen Rodríguez Dacosta, e da concelleira en Ourense Natalia González.
Eladio Santos celebrou que a marquesiña provisional se construíu nun “tempo récord” e atende a unha demanda histórica que taxistas e viaxeiros fixeron a diferentes gobernos ao longo dos anos. “Este é un Goberno en acción, que escoita á cidadanía, traballa e executa, sempre pensando en mellorar a vida da xente”, indicou.
O subdelegado explicou que esta marquesiña provisional, situada no lugar no que estará a definitiva, estará en servizo durante as obras de remodelación integral da estación ourensá, sen ter que agardar á súa finalización. A solución planificada consiste nunha estrutura metálica independente de 6,5 metros de ancho, 5 metros de altura, e unha lonxitude total de 32,4 metros, que proporciona cobertura á zona de estacionamento de taxis.
Eladio Santos puxo en valor a decisión de Adif de executar esta estrutura, que mellorará o confort de usuarios, profesionais e do persoal que traballa na estación, proporcionando un lugar de refuxio especialmente útil os días de sol e os de choiva. “Forma parte da aposta histórica que fixo este Goberno polo tren en Ourense, pois desde a chegada da alta velocidade o número de viaxeiros medrou un 135% e supera os 2,2 millóns”, remarcou.
Estación intermodal
A marquesiña provisional nun modificado de crédito que aprobou o Adif para completar as obras da estación intermodal de Ourense. Cun investimento de 115 millóns de euros, a actuación permitirá triplicar o espazo para viaxeiros na terminal, á que se dotará de 11 vías para responder ao maior tráfico asociado á alta velocidade e a modernización da liña a Lugo.
Os traballos afrontan as súas primeiras fases, con actuacións de reconfiguración de vías e instalacións de electrificación, liberación de espazos para os apoios da futura cubrición parcial de vías, así como reposición de instalacións, conducións e servizos afectados.