
Neste domingo tiña lugar a lectura do pregón da XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. A persoas encargada de facelo era o prestixioso sumiller Luis Paadín, quen sinalaba que o terroir, que tanto se valora hoxe nos viños, aséntase en catro piares: o clima, o solo, a uva e a cultura. E esas peculiaridades danse en Pantón co clima de tres ribeiras, “moitos concellos aseguran que son a porta da Ribeira Sacra, pero a vosa situación é a do corazón da Ribeira Sacra. O viño aquí faise cultura, ademais en Pombeiro tedes un lagar rupestre do século X onde se facía xa viño para consagrar, é un lagar místico e sodes un lugar único”.
O pregoeiro aseguraba, “Hai que poper en valor o clima, non facer os viños que lle gustan á xente senón os que sabedes facer. Esquecémonos de poñer en valor a contorna e eu xa non pido un viño que me guste, busco viños que se parezan ao lugar do que veñen”.
Paadín, que leva toda unha vida dedicada ao sector do viño, posúe unha dilatada experiencia, coñece 42 países vitícolas e leva visitado máis de 500 rexións no mundo, entre elas unha ducia de zonas produtoras que son Patrimonio da Humanidade. A este respecto aseguraba que Ribeira Sacra é a zona vitivinícola máis fermosa que coñece, e que obter ese recoñecemento será importante para o enoturismo e para seguir conservando este territorio.

No acto tamén interviña o alcalde de Pantón,José Luis Álvarez, que aseguraba que a celebración desta mostra era a maior honra para o concello e que “se trataba de brindar pola vida animando a un consumo responsable”, entregaría un agasallo de lembranza ao pregoeiro e á presentadora do acto, a xornalista valdeorresa, Manola Porto.
Tamén recibirían unha peza de olería de Gundivós as adegas participantes nesta edición, as panaderías Tuiriz e Tarrazo que fan posible a Romaría Festa da Empanada que o sábado chegaba á súa IX edición. Cachenas de Pantón que participa todos os anos da cita recollía tamén o seu obsequio, estas empresas formaban parte dos postos de gastronomía e artesanía que ambientaban a cita. A celebración remata este domingo con verbena coa orquestra Gran Parada.
Fotos cedidas.