CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

O técnico Agustín Ruíz deixa o CD Barco e incorpórase á UD Ourense

Agustín Ruíz, nun dos últimos partidos do CD Barco en Calabagueiros./ Foto: O SIL.

 

Os rumores están na rúa dende hai días, pero non era ata esta mañá cando a UD Ourense confirmaba a incorporación ao club, de Agustín Ruíz que deixa así o seu cargo de adestrador do primeiro equipo do CD Barco.

O técnico chegaba ao Barco mediada a pasada tempada, a piques de comezar a segunda volta, nun momento moi delicado para o equipo valdeorrés en postos de descenso na Terceira Fedeación. Rematada a campaña, o equipo non só se salvaba senón que quedaba ás portas do play off de ascenso. Dende o club barquense deséxanlle “a maior das sortes nos seus novos proxectos, tanto deportivos como persoais”, asegurándolle que “ésta, sempre será a túa casa. Sempre agradecidos, míster”.

Pola súa banda a UD Ourense que se estrea na Primeira Federación, dá a benvida ao vasco de nacemento e ourensán de adopción que chega ao banquiño vermello “para a actual tempada e a seguinte”, din dende o club, loando as “grandes campañas” que fixo tanto no CD Barco coma na UD Barbadás e no xuvenil da UD Ourense, formando ademais parte como xogador “dun dos mellores CD Ourense”.

Back to top button