O teléfono de Atención e Información á Cidadanía -012- recibiu 1.560 chamadas entre as 08,30 e as 14,30 horas do día de hoxe, “o que supón un 54% máis que nunha xornada habitual”, tal e como se informa dende a Xunta.
O acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), publicado onte no Diario Oficial de Galicia, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, recolle que este teléfono canalizará, con carácter xeral, a atención á cidadanía.
O servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 (981 900 643 para chamadas realizadas desde fóra da comunidade autónoma) ou do correo electrónico 012@xunta.gal, facilita información e asesoramento sobre os servizos prestados pola nosa comunidade autónoma. O servizo xa foi reforzado e nos próximos días seguiranse a incrementar os recursos.
O acordo do Cecop recolle medidas adicionais ás adoptadas no Protocolo aprobado no Consello da Xunta do 12 de marzo para o persoal empregado público da Xunta, que contribúan a conter o virus e, ao mesmo tempo, ao mantemento dos servizos esenciais. Desta forma, ademais da atención telefónica a través do teléfono 012 funcionarán de xeito presencial as oficinas que determinen os titulares dos centros directivos polas súas funcións de carácter esencial.
Parte das chamadas atendidas polo 012 no día de hoxe fan referencia á suspensión dos prazos administrativos de tramitación dos procedementos das entidades do sector público. “Cabe lembrar que, tal como establece o acordo do Cecop, suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación destes procedemento, cuxo cómputo se renovará no momento en que perda vixencia este acordo ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.
Así, quedan interrompidos os prazos para o cumprimento das obrigas dos cidadáns, que se reiniciarán no momento en que se levante a suspensión, ao igual que os prazos de emenda e as notificacións electrónicas.
No caso dos procedementos dos que xa rematou o prazo de presentación de solicitudes continuarase coa súa tramitación e poderán resolverse segundo o previsto, e tamén seguirán o seu trámite os presentados e con prazo de presentación aberto.
Ademais, os cidadáns terán a opción de consultar o estado do seu expediente xa presentado na súa carpeta cidadá da sede electrónica e poderán facer chegar as súas queixas e suxestións, tanto por vía telefónica no 012 ou a través da sede electrónica.
Por outra parte, a empresa Seaga seguirá a executar os traballos de retirada de niños de vespa velutina cando reciba o aviso da incidencia no número de información 012. Estes traballos están incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte esta especie acordado coa Fegamp.
O Cecop de Galicia acordou ademais que a rede de oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia pecha as súas portas e que non se renovará a demanda de emprego ata o 30 de abril. Desta forma se é necesaria a realización de trámites urxentes na demanda, poderán facerse a través da oficina virtual ou vía telefónica, chamando á correspondente oficina de emprego ou tamén ao 012.
Os trámites de alta ou baixa de gando, seguirán dándose de alta a través da Oficina Agraria Virtual ou do 012.