
Na estación Ourense Empalme comezaba na mañá do 15 de xuño a viaxe inaugural do programa “Galicia a todo tren”, que na súa segunda edición incorpora cinco novos percorridos que permiten coñecer os recursos enoturísticos máis singulares da comunidade en tren. Neles cobra especial protagonismo a provincia de Ourense, que conta con catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia.
Deste xeito, os trens das Rutas dos Viños de Galicia dispoñen de cinco itinerarios: o tren do viño das Rías Baixas; o tren do Viño da Ribeira Sacra; o tren do Viño de Monterrei; o tren dos Viños da Ribeira Sacra e Valdeorras e o tren do viño do Ribeiro e Rías Baixas. O prezo das rutas é de 40 euros para os adultos e de 10 euros para os nenos menores de 14 anos. Existen ademais descontos para grupos e para familias numerosas.
A viaxe inaugural deste programa incluíu visitas adegas, ao Centro de Interpretación do Liño e do Traxe e ao Centro de Interpretación do Automobilismo Galego. Ao tempo, os viaxeiros puideron percorrer o casco histórico de Ribadavia ata o Túnel do Viño, así como o Barrio Xudeu. Realizaron tamén unha visita ao Parque Arqueolóxico de San Cibrao de Las.
Entre as autoridades presentes neste acto inaugural estivo a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que resaltou a combinación entre a enoloxía e o coñecemento dos principais recursos turísticos das zonas vitivinícolas de Galicia a través desta experiencia turística singular.
Xunto a Nava Castro viaxaban tamén o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Renfe, Rodrigo Hilario. Manuel Baltar destacou no acto previo ao percorrido que esta é unha posibilidade para atraer turismo e ofrecerlle ao visitantes o máis tradicional como é a “nosa paisaxe, gastronomía e patrimonio cultural e artístico. E agradeceu a todos os que fan posible esta iniciativa dos “Trens turísticos de Galicia” “tendo en conta o interese xeral de Ourense e de Galicia para que os números socio-económicos da nosa provincia e da comunidade autónoma vaian a máis”.
A estas rutas turísticas temáticas cómpre engadir a posibilidade de descubrir Galicia co Galicia Rail Pass, o Train and Breakfast Camiño de Santiago, o luxoso Al Andalus Camiño de Santiago e mais o Transcantábrico. As rutas estarán en funcionamento dende mediados de xullo ata finais de setembro.
