O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de declarar nula a resolución administrativa que concede o pase á reserva de explotación de recursos Sección C) da Mina de Penouta, situada no termo municipal de Viana do Bolo. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo estimou o recurso interposto por Ecoloxistas en Acción Galiza, pois considera “insuficiente o estudo de afectación ambiental, ao omitir o seu impacto na Rede Natura 2000 -unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade-, a cal consta de Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA)”.
Os maxistrados explican na sentenza que a promotora non realizou -nin a administración esixido- “unha oportuna e adecuada avaliación sobre o espazo Pena Trevinca, limitándose a indicar que o proxecto non afecta a ningún espazo protexido, cando a ZEC e a ZEPA Pena Trevinca atópanse a cero metros do enclave mineiro, constatándose que as masas de augas superficiais superan a normativa permitida para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo”.
O TSXG subliña que se acreditou “o impacto do po resultante de voaduras e movementos, así como gretas en vivendas e a afectación ás augas destinadas a consumo humano, que motivou denuncias da empresa municipal de Augas de Viana do Bolo, con actuacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), a Garda Civil e a Comisaría de Augas”.
A realidade ambiental existente, segundo explica na resolución, é que “as emisións e verteduras están a chegar á Rede Natura 2000, tanto por vertedura a leitos fluviais como por emisións atmosféricas”. As fotografías achegadas acreditan, segundo os xuíces, “a realidade do po que chega á vexetación e poboación lindeira da mina e, aínda que digan os demandados que realizaron medicións que lanzan un valor por baixo do límite establecido, estas non foron sistemáticas, ocultando máis do que revelan”.
Así, manifestan que “a realidade mostra o efecto na poboación situada a 1,5 quilómetros da explotación”. Desta forma, destacan a existencia “de gretas nas vivendas por efecto das voaduras -chegan a utilizar ata 8000 quilos de explosivos-” e a presenza “de metais pesados en doses perigosas”, tal e como consta “nas analíticas presentadas no seu día pola mineira, emisións que chegan á Rede Natura 2000 polos leitos fluviais contiguos á explotación”.
A Sala advirte de que as verteduras procedentes da mina, “intensificados tras a autorización de explotación de recursos sección C)” -declarada nula na sentenza-, poden estar a causar “unha afección á saúde das poboacións que obteñen a súa subministración de auga potable de tributarios do arroio de Treita das Cortiñas, así como dos pozos ou mananciais que a fornecen á poboación de Penouta, contigua á explotación mineira, tratándose o mercurio, arsénico, chumbo e cadmio de elementos extremadamente tóxicos que causan efectos crónicos polo seu bioacumulación no organismo”.
Por todo iso, en base ao principio de precaución, o alto tribunal galego entende que “non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de tales metais presentes nos regatos afectados pola explotación mineira, sendo tal principio de precaución un dos fundamentos da política ambiental europea, consagrada no artigo 191 do seu Tratado de Funcionamento, desenvolvido, respecto a os espazos incluídos na Rede Natura 2000, no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE sobre Hábitats, que impide que poida autorizarse un proxecto sen que se demostre a ausencia de repercusións sobre as augas e a biodiversidade, así como a saúde humana”.
O TSXG incide en que habendo tal incerteza “non pode autorizarse”, pois subliña que “os efectos da actividade mineira no medio ambiente son irreparables”, xa que “non se poden reconstruír ecosistemas”. Ademais, engade que o documento de Determinación dos Niveis de referencia das Augas Superficiais e Subterráneas na contorna da Mina de Penouta, elaborado pola Universidade da Coruña, “constata que os niveis desas substancias en varias masas de augas superficiais próximas á mina superan de forma alarmante os límites legais establecidos nas normas de calidade ambiental (NCA) do a Real Decreto 817/15 do 11 de setembro”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Tras coñecerse a sentenza a empresa canadense Strategic Minerals Spain emitía un comunicado de prensa indicando que “respecta a sentenza pero non a comparte” e que, despois de estudala, “tomará as medidas legais oportunas”. A empresa reitera “o seu firme compromiso co proxecto Penouta, un proxecto sostible, social, económico e ambiental, que retomará en canto se cumpran as condicións legais oportunas, en coordinación coa Xunta de Galicia como sempre fixo e con respecto á lexislación vixente”.
A empresa tamén quere agradecer a toda a comunidade que os apoiou por unanimidade ao longo destes oito meses. “Strategic Minerals Spain seguirá dando vida á comarca a través da Mina de Penouta, traballando para promover o desenvolvemento sostible e a creación de riqueza nunha rexión estratéxica para a empresa como é Galicia”, di a compañía.
