ConcellosÚltima hora

O TSXG non avala a petición da Xunta de presentar o certificado Covid na hostalería

Isto suporá que se aplicarán as medidas alternativas que anunciaba onte o goberno galego: reaxustar os aforos

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de denegar a autorización xudicial da medida anticovid solicitada pola Xunta de presentar o certificado Covid para acceder aos locais de hostalaría. Os argumentos da negativa, que segue a liña marcada polos xuíces en Andalucía, Cantabria e as Illas Canarias, coñeceránse nos próximos días cando se faga público o contido íntegro do auto.

Esta norma estaba en vigor en Galicia desde finais do mes de xullo pero o pasado xoves o TSXG informaba de que non estaba vixente porque a Xunta non pedira autorización xudicial. Así que, onte venres, o goberno pedía ese aval e este sábado o alto tribunal denegáballo.

Onte, e estando aínda á espera da resolución do TSXG, a Xunta xa anunciaba que no caso de que esa medida non fose ratificada, íanse reaxustar os aforos na hostalaría a partir das 00h. do vindeiro martes.

Así o axuste de aforo no interior da hostalería do nivel máximo, pasaría do 30 % con certificado ao seu peche. No caso do nivel alto pasaría dun aforo do 50 % con certificado ao 30 % sen certificado. No caso do lecer nocturno, o aforo no interior dos niveis medio e medio baixo modificaríanse do 50 % con certificado ao 30 % sen certificado.

“Estas medidas serán revisadas polo Comité Clínico na súa reunión do próximo mércores e axustadas, de ser o caso, para optimizar o control da transmisión”, segundo Sanidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button