OurenseÚltima hora

O V Foro da Castaña, que abordará os retos do futuro do sector, celebrarase no Riós o 2 e o 3 de outubro

A loita contra a avespiña, a innovación na industria alimentaria, a comercialización da madeira e o impacto do cambio climático centraran as intervencións dos expertos

Imaxe dunha edición anterior do Foro da Castaña no Riós.

 

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza xunto co Concello do Riós e coa colaboración da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a quinta edición do Foro da Castaña. O encontro, que se desenvolverá os días 2 e 3 de outubro, ten como obxectivo analizar a situación actual do sector e debater sobre as súas perspectivas de futuro e desenvolvemento sostible.

A inauguración do foro terá lugar o 2 de outubro, ás 10.30 horas, no edificio multiusos do Riós, coa participación do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, María Luísa Piñeiro Arcos; e a alcaldesa do Riós, Eva María Barrio López.

Dúas xornadas de debate técnico, gastronomía e traballo de campo

A programación dese día comezará coa intervención de Víctor Manuel Martínez Álvarez, da Unidade Técnica de Sanidade Forestal da Xunta de Galicia, quen exporá a situación actual da avespiña en Galicia. A continuación, J. Gaspar Bernárdez Villegas, da Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, abordará a presenza dos castiñeiros no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

A innovación na industria alimentaria centrará o relatorio de Brandán Gómez Hombre, socio director comercial de Enzicas, quen falará sobre o desenvolvemento de ingredientes funcionais e naturais a partir da castaña. Posteriormente, o profesor e investigador da USC no Campus de Lugo, Santiago Pereira Lorenzo, analizará a domesticación do castiñeiro e o seu impacto actual na Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

A xornada continuará da man de Gabriel Fernández Rodríguez, xerente de Galiquercus SL, quen falará sobre o uso e a comercialización da madeira de castiñeiro en Galicia. Seguidamente, a técnico do Centro Agroforestal do Inorde, Nuria Sánchez Limia, presentará o inicio do proxecto CHESTNUTCARE, enfocado na protección dos castiñeiros ante os desafíos climáticos e biolóxicos. Finalmente, a xornada do venres pecharase cun showcooking e elaboración en directo de sobremesas tradicionais con castaña a cargo da chef Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova e gañadora do premio Cociñeira Galega 2024.

A actividade do foro continuará ao día seguinte, o 3 de outubro, no campo onde os participantes trasladaranse ata Manzaneda para realizar unha visita técnica ás instalacións da Sociedade Cooperativa Galega Amarelante e un percorrido polo Souto de Rozavales para coñecer o castiñeiro de Pumbariños, incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras. A xornada do foro finalizará con unha demostración práctica no terreo do uso de maquinaria para a recollida mecanizada da castaña.

 

 

Inscricións e prazas

Todas as persoas interesadas en participar neste V Foro da Castaña poderán inscribirse ata o vindeiro 30 de setembro. A reserva de prazas debe tramitarse a través do Centro Agroforestal do Inorde chamando ao teléfono 988 317 951 ou enviando un correo electrónico á dirección centroagroforestal@inorde.com.

Back to top button