
A produtora galega Portocabo, que dirixe o valdeorrés Alfonso Blanco, ten novo proxecto entre mans. Vai producir, en colaboración con Movistar+, a serie de suspense “Rapa” da man do mesmo equipo creativo da exitosa “Hierro”, a serie máis vista de 2021 en Movistar+.
A serie terá guión de Pepe Coira e Fran Araújo e estará dirixida por Jorge Coira. Contará con Alfonso Blanco (Portocabo) na produción executiva, xunto a Domingo Corral e Susana Herreras de Movistar+. “Rapa” terá seis episodios de 50 minutos, comezará a súa rodaxe en Galicia en setembro e estrearase en 2022. A rodaxe realizarase integramente en Galicia, nas localidades de Cedeira e Ferrol.
A trama iníciase co asasinato da alcaldesa dunha localidade galega, o que dará pé a unha investigación do crime, sendo Tomás, o personaxe interpretado por Javier Cámara (‘Sentimental’, ‘Vota Juan’, ‘Imos Juan’), a única testemuña dos feitos.