CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Alfonso Blanco producirá “Cuñados”, que se rodará en Ourense

O equipo da produtora Portocabo reuníuse hoxe, 29 de xullo, co presidente da Deputación de Ourense

O equipo da produtora Portocabo, na súa xuntanza co presidente da Deputación de Ourense. Alfonso Blanco o segundo comezando pola esquerda. / Foto: cedida.

 

Alfonso Blanco, natural da localidade de Freixido de Abaixo, no concello valdeorrés de Petín, producirá a  película “Cuñados”, dirixida por Toño López. O filme, que chegará aos cines nos primeiros meses de 2021 narra as aventuras criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. O elenco está conformado por Xosé A. Touriñan, Miguel de Lira, Fede Pérez, Iolanda Muíños e Eva Fernández.

Esta película supón o salto ao largometraxe de Toño López tras dirixir varias ficcións seriadas internacionais como “Miracle Tunes” ou “Auga Seca”. Segundo López, “esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos, que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor”.

A cidade de Ourense será o escenario da película, que comezará a súa rodaxe o vindeiro 17 de agosto. O produtor executivo, Alfonso Blanco, xunto co resto do equipo de Portocabo (a produtora da película), visitaron hoxe, 29 de xullo, o Pazo Provincial de Ourense onde mantiveron unha xuntanza co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Durante a reunión, Baltar quixo destacar o compromiso da institución co cine: “a comedia costumbrista e familiar coa que foi concibido o proxecto súmase ao elenco de filmes e traballos audiovisuais cos que coopera a Deputación”. Tamén incidiu en que, con este tipo de iniciativas, buscan posicionar a Ourense como un “gran plató de cinema”.

 

Imaxe da reunión. / Foto: cedida.

 

Segundo o equipo da película, a historia que conta “Cuñados” está moi vencellada ao espazo no que sucede e, a cidade de Ourense contén os contrastes entre localizacións que buscaban para o proxecto pois conviven o entorno rural co urbano e moderno co tradicional.

Cuñados forma parte dos filmes seleccionados na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano e conta coa subvecnión da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), a participación da TVG e a colaboración da Deputación de Ourense. Ademais do produtor executivo, Alfonso Blanco, e do director, Toño López; no equipo tamén están Araceli Gonda no guión, Santi Jul na música, Ana Míguez a cargo da dirección de produción, Jaime Pérez como director de fotografía, Lu Rodríguez na montaxe, Andrea Pozo na dirección artística e Saturna a cargo do vestiario.

 

Artigos relacionados

Back to top button