CulturaCulturaSen categorizarÚltima hora

O valdeorrés Vítor Nieves asume a dirección artística do Festival Internacional Encontros da Imagen de Braga (Portugal)

É un dos festivais de fotografía e artes visuais máis antigos do mundo e dos máis recoñecidos de Europa

Vítor Nieves, no centro da imaxe./ Foto: Adriano Ferreira Borges.

 

Os Encontros da Imagem de Braga (Portugal), o segundo festival de fotografía e artes visuais máis antigo do mundo e un dos máis recoñecidos de Europa, vén de anuciar o nomeamento do valdeorrés Vítor Nieves como novo director artístico. A 35ª edición, que se celebrará entre o 19 de setembro e o 2 de novembro de 2025, terá como tema central “Manifestação de Interesse” (Manifestación de Interese).

Os Encontros da Imagem reforzan agora a súa aposta pola apertura e internacionalización da dirección creativa coa chegada de Nieves, curador galego profundamente vinculado ao tecido artístico portugués e iberoamericano.

Colaborador de longa traxectoria e profundo coñecedor do festival

Vítor Nieves, quen fora director artístico do festival de fotografía Outono Fotográfico entre 2012 e 2017, mantén unha relación estreita cos Encontros da Imagem desde o ano 2013. Ao longo deste tempo, desempeñou diversas funcións: xurado, curador convidado, curador júnior e membro da equipa de produción. Esta traxectoria consolidada convérteo nun profundo coñecedor da identidade e evolución do festival, ao que regresa agora cunha visión ampla e crítica.

Perfil internacional e forte vínculo con Portugal

Con dúas décadas de experiencia en proxectos transfronteirizos que contribuíron a estreitar os lazos entre Galiza e Portugal, Vítor Nieves desenvolveu unha parte significativa da súa traxectoria profesional en territorio portugués. Actualmente é director pedagóxico do Instituto de Produção Cultural e Imagem (IPCI), no Porto, onde imparte Curadoría no Máster en Fotografía Artística, sendo tamén profesor convidado na Universidade do Porto.

O seu currículo como curador inclúe exposicións e colaboracións con festivais como Imago Lisboa, f/est Amarante e o Mes da Imagem do Porto (Portugal); Photoalicante, Fòrum Fotogràfic Can Basté e Emotiva (España); ou Paraty em Foco e os Encontros de Agosto (Brasil), entre outros. Comisariou numerosas exposicións en institucións de referencia en Portugal, España e Brasil.

Unha curadoría de curadorías para un festival na mediana idade

A edición de 2025 celebra os 35 anos dos Encontros da Imagem baixo o lema “Manifestación de Interese”, un título que convida á reflexión sobre o traxecto, o legado e os posibles camiños futuros do festival. Para Vítor Nieves, a dirección artística enténdese como unha curadoría de curadorías, guiada por un enfoque investigativo e contranarrativo que promove unha práctica colaborativa, horizontal e rizomática do comisariado.

Entre os seus principais obxectivos destaca a vontade de programar para públicos diversos —incluídos aqueles fóra da esfera da arte—, recuperar prácticas fotográficas que hai tempo desapareceron dos circuítos institucionais, fomentar a creación de novas experiencias expositivas en detrimento da mera reprogramación e estreitar os vínculos entre o festival e o seu contexto local, rexional e nacional.

 

Vítor Nieves./ Foto: Patricia Pettitt.

 

Tres programas curatoriais para un tema plural

A edición de 2025 estruturarase en tres programas complementarios:

Disidencias: unha exploración ampla e crítica das novas prácticas fotográficas, salientando artistas que rompen coas convencións, expanden os límites do medio e propoñen outras narrativas visuais.

Argumentarios: unha ollada interna e autorreflexiva sobre o propio festival, recuperando memorias e historias que escapan ao rexistro oficial e reafirmando o valor da continuidade, da identidade e do impacto cultural do evento.

Transicións: un programa ancorado nas identidades locais e nas chamadas “novas ruralidades”, promovendo o diálogo entre o festival e o seu territorio —Braga e a súa contorna— como espazo creativo, habitado e en transformación.

O festival como espazo de coñecemento, xustiza e proximidade

Na visión de Vítor Nieves, os Encontros da Imagem deben seguir sendo un espazo de produción de coñecemento e pensamento crítico, ao tempo que se comprometen coa xustiza histórica cara a creadoras, creadores e temáticas sistematicamente invisibilizadas —non só na historia do festival, senón tamén no contexto máis amplo da fotografía portuguesa e internacional.

Convocando artistas consolidados e novas xeracións, escolas, academias e comunidades, a edición de 2025 propónse como un momento de converxencia, experimentación e escoita, reforzando a misión dos Encontros da Imagem como plataforma de relevancia global con raíces ben asentadas no territorio.

Back to top button