DeportesÚltima hora

O velocista valdeorrés Aarón Pérez loitará polo podio no Campionato de España Sub18 de pista indoor

Aarón Pérez, do Club Adas, nunna competición anterior.

 

Valencia acollerá a vindeira fin de semana a celebración do Campionato de España Sub18 de pista indoor. Serán as instalacións do velódromo Luis Puig as que se converterán en escenario os días 1 e 2 de marzo dunha interesante edición na que participarán uns 40 atletas galegas e galegos.

“A nova fornada do atletismo galego participa con moitas opcións de medallas por parte de toda unha nova e talentosa xeneración de atletas, que están chamados a marcar unha nova e importante etapa dourada no noso atletismo”, sinala a Federación Galega de Atletismo

Entre eles estará, nas probas de velocidade, o subcampión de España Sub16 Aarón Pérez do Club Adas Cupa do Barco, que intentará estar novamente nun podio dun campionato de España na proba dos 60 m. na que acredita a terceira mellor marca dos participantes.

Por outra banda, no peso, a tamén líder do ano e campioa de España Sub16 no 2024, a bañense Aitana Capeáns do Ourense Atletismo, pelexará por facer valer os seus 12.15 m. logrados a principios deste mes en Expourense, cos que sumar un título de España que engadir ao seu xa importante e destacado palmarés.

No concurso de altura, a ourensá Iria Solera, continúa coa súa fantástica progresión que a levaban este ano ata os 1.74 m. e que a permiten situarse para mellorar o subcampinato de España do ano pasado.

Back to top button