EconomíaEconomíaÚltima hora

O vianés Pedro Basalo, nomeado embaixador do “folpo” na VII Gran Gala deste pulpo en Veneto (Italia), cunha cea con produtos ourensáns

Este filólogo era nomeado embaixador do folpo, o pulpo referente nesa zona italiana, nunha celebración na que se servía pulpo á feira, viño do Ribeiro, bica de Viana e pan de Cea

 

A gastronomía e as tradicións de Noventa Padovana e galega uníanse de xeito especial na VII Gran Gala del Folpo, que se celebraba na noite do 3 de outubro na casa de campo do Ristorante Boccadoro no Veneto en Italia. Era un evento dedicado á cultura gastronómica de ambos territorios que contaba coa asistencia dunhas 160 persoas (boa parte delas de media ducia de confranternitás italianas) e en cuxos menús cobraban protagonismo os produtos ourensás.

Así, ademais do “pulpo á feira”,  tradicional galego, como homenaxe ao irmandamento de Noventa Padovana coa Festa do Pulpo do Carballiño, no menú desta gala había ademais viños da D.O. Ribeiro, pan de Cea e bica de Viana do Bolo e mesmo se fixo unha recreación da empanada galega.

 

 

A participación vianesa neste evento foi posible grazas á colaboración do Concello de Viana do Bolo, que adquiriu as bicas de Panadería Bello, que foron enviadas a Italia través da Asociación Robreda, e máis en concreto de Jorge Domínguez “Minas”. E, no caso do pan, este era elaborado polo Forno Calviño de Cea.

 

 

Ademais, no decurso desta cea promovida pola Confraternitá del Folpo, cuxo presidente é Cristian Bisato, esta entidade gastronómica nomeaba un novo socio honorario e dous novos embaixadores do “folpo”, un deles era o filólogo vianés Pedro Basalo Bembibre. Na súa intervención, tras ser galadoado, Basalo iniciaba o seu discurso en veneto: “Mi vorìa inissiare sto discorso con do parołe in łengua veneta, zusto par onorare sta tera e anca par ringrassiare i amighi de ła Confraternità del Folpo che ancò i me concede sta distinsion”. Deste xeito pretendía “valorizar a tradición e as linguas locais e amosar que este idioma é tan válido como calquera para ser usado en calquera contexto”.

 

 

Ao mesmo tempo, este vianés apelaba á que tradición “non se quede ancorada no pasado. Non podemos intentar manter as tradicións dun xeito case fosilizado, senón que deben ir adiante co tempo, e neste sentido paréceme que o folpo tal e como están facendo en Noventa Padovana é algo que está sendo importante para a comunidade é iso é fundamental”.

Entre os asistentes a esta cea-gala estaba unha ampla representación do Concello de Noventa Padovana e tamén o presidente da rexión do Veneto, Alberto Stefani.

Fotos: cedidas/ Confraternitá del Folpo.

 

 

 

Back to top button