CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O VIII Festival Medieval de Viana, homenaxe á tradición oral cunha lembranza a Jacinta de Celavente

 

Sobre un cabalo branco chegaba a Raíña Urraca a Viana do Bolo na tarde deste sábado 19 de abril. Alí, no campo da feira, era recibida polo alcalde vianés, Andrés Montesinos, e facía unha intervención na que repasaba as súas diferentes posesións na zona, mencionando, un por un, os nomes das aldeas do municipio. Despois o rexedor agradecía a súa presenza. Deste xeito principiaba o VIII Festival Medieval de Viana do Bolo que, nesta apertura, contaba coa colaboración da cantante Lucía Pérez, así como coa do Fulión e os Boteiros de Viana do Bolo e dun grupo de trompetistas que tocaban á usanza medieval.

 

 

Así mesmo, neste arranque facíase unha homenaxe a Jacinta Fernández Alonso, cantora de Lentellais (O Bolo), recentemente falecida e a cuxa memoria se adica esta edición do festival. Así, escoitábase un audio de Juan Corzo, de Celavente, no que recitaba uns versos dedicados a esta cantora. E, pouco despois, subíanse ao escenario Blandina de Cotarós, que interpretaba un canto de seitura, e despois era acompañada polas cantareiras Dina, Fiuca e por Rogelio da Aceveda, así como por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense. Nese intre entregabáselle unha placa á filla de Jacinta, quen agradecía este xesto. “Grazas a Foxo porque a fixo moi feliz nos seus últimos anos, a ela encantáballe cantar porque o vivía”.

 

 

A partir de aí este festival, presentado por Montse Estévez, ía dando paso ás diferentes actuacións, entre elas estaban as de David Bellas (profesor de gaita do Conservatorio de Música de Viveiro), Lara Sotelo, gaiteira de Xinzo de Limia, Rogelio da Aceveda (que lle adicaba a peza a Jacinta), as Cantareiras da Limia, Fiuca de Trives, Lucía Pérez e Xavier Vizcaíno con membros da Real Banda (que interpretaban fragmentos da Égloga Operística “Pastora da Serra Sola” e Romance de Doña Urraca.

 

O festival continuaba con Digna de Vilanova, que cantaba un romance “Pasos largos”, despois viña a musettista Nadia Vázquez, e logo subían novamente ao escenario Lucía Pérez e Xavier Vizcaíno, á guitarra, para interpretar “Non canta na cha ninguén”. Despois dábanlle paso á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que xa marcaba a recta final, nunha actuación conxunta coa Coral Candea de Viana do Bolo. O acto pechábase coa intervención de Foxo e, de seguido, coa interpretación do himno de Galicia.

Fotos Xosé Lois Foxo Live/ Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button