CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

O vindeiro partido de fútbol de Segunda Xuvenil no Barco, disputarase a porta pechada logo das incidencias ocorridas na xornada 3

 

“O respecto cara a todos os participantes e o comportamento exemplar desde a bancada, son fundamentais para o bo desenvolvemento da competición e para transmitir os valores que representa o noso club”, aseguran dende o CD Barco, de aí que debido ás incidencias ocorridas durante o encontro correspondente á xornada 3 da Segunda Xuvenil, disputado entre o CD Barco e o Arrabaldo, o club tomara a decisión de “pechar o acceso á afección durante o próximo partido da devandita categoría”.

Dende a directiva aseguran que esta medida “adóptase como consecuencia dos feitos acontecidos no encontro anterior” e ten como obxectivo “evitar que situacións desta natureza volvan producirse no futuro”. Asemade lembran que o fútbol base “debe ser un espazo de convivencia, respecto e deportividade, no que xogadores, adestradores, árbitros e afeccionados poidan desfrutar do deporte nun ambiente adecuado”.

Agradecen a comprensión e colaboración de todos os afeccionados, agardando que “esta decisión sirva como aviso e chamada á reflexión para todos, e que o sucedido non volva repetirse”.

Back to top button