
Entre o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) vén de asinarse un convenio de colaboración nun acto celebrado o 20 de maio na sede do colexio en Santiago de Compostela. O acordo era rubricado polo presidente do Xeoparque, Roberto Castro González, e polo decano do COBGA, José Antonio Fernández Bouzas.
Este acordo abre novas vías de colaboración en diversas actividades de promoción e divulgación do patrimonio natural, como cursos, conferencias e eventos educativos. Entre as accións previstas destaca a participación do Xeoparque na fase autonómica da Olimpíada Española de Bioloxía, coa organización dunha visita guiada especial para os tres mellores clasificados e os seus docentes. Esta primeira visita está prevista para o vindeiro mes de xuño. O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia comparte obxectivos comúns co Xeoparque, o que facilita unha colaboración frutífera.
O COBGA traballa para defender a profesión biolóxica, promover o coñecemento científico e contribuír á protección do medio ambiente e da biodiversidade galega. A profesión da bioloxía abrangue múltiples ámbitos nos que as biólogas e biólogos teñen competencias, como a xestión e protección ambiental, a educación ambiental, a ordenación da paisaxe, a xestión forestal e da fauna e a ordenación cinexética, entre outros.
Á súa vez o Xeoparque inclúe áreas de grande valor ambiental, científico e didáctico pola súa biodiversidade, como a Devesa da Rogueira, a conca alta do Lor, numerosas cavidades kársticas fogar de especies cavernícolas, ou as cinco microrreservas de flora nas que salienta a diversidade de orquídeas, incluíndo a presenza dalgún endemismo.