CulturaCulturaÚltima hora

O XII Córgomo-Arte, coa proposta “Fendas” abrirá as súas portas o 7 de decembro

Ademais de Conde e Torino, promotores do proxecto, poderán verse obras doutros seis creadores

Torino e Conde, promotores do proxecto, nunha edición anterior de Córgomo Arte./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O vindeiro sábado 7 de decembro ás 17h. inaugurarase unha nova edición de Córgomo Arte, que na 12ª edición leva o título de “Fendas” e busca abrir gretas de esperanza nun presente que non esperta moita fe no futuro. Este sábado fendemos a apatía coa arte e apostamos polo esforzo compartido para acadar unha vida digna e libre de estigmas e etiquetas”, din os promotores da mostra que, novamente, poderá visitarse na Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

Nesta edición, ademais das pezas de Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”, responsables do proxecto, poderán verse obras doutros seis artistas: Roberto Álvarez, Noé Blanco Carracedo, Arturo Ceide, Elías González Araújo e Mauro Leivas, así como de Sabela Arias Castro como artista convidada.

 

 

Con respecto a esta creadora, os organizadores apuntan que, “a súa é unha participación moi especial, xa que encarna mellor ca ninguén a forza, resiliencia e esperanza sobre a que reflexionamos desta volta. As obras que trae a Córgomo son as primeiras que realiza tras pasar por un duro trance, son unha introspección persoal ante a adversidade, un renacer á arte e á vida”.

Os artistas abordan o tema proposto, “Fendas”, desde diferentes perspectivas e utilizando diferentes técnicas,” co propósito de remover e cuestionar a nosa responsabilidade individual nesta sociedade que nos abafa”. A exposición permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro de 2025. Coma cada ano, poderá verse fins de semana e festivos das 10:00 h. ás 22:00 h.

Artigos relacionados

Back to top button