
Cúmprense xa vinte edicións dunha iniciativa ilusionante que reúne a numerosas e singulares tradicións do Entroido do oriente ourensán en Trives o domingo previo ao de Entroido: o Encontro de Folións dos Labregos. Desta volta será o 23 de febreiro a partir das 15:30h.
Este é o ano “do noso XX aniversario, e coincidindo co Santo Antón, Os Labregos presentamos o cartel que nos vai representar neste Entroido”, comentan dende o Folión Os Labregos de Trives, organizador deste encontro.
Desta volta, o cartel aposta por “mostarlle a todos aqueles que nos visitan durante estas datas, as impresionantes vistas coas que espertamos todos os días, sabendo que vivimos nun lugar privilexiado, un encrave único dentro da Ribeira Sacra: o Miradoiro de Penas de Rome, sendo un dos barrancos máis impresionantes da Península Ibérica, e desde a que se contemplan o Val do Navea, que se funde co Bibei na Primeira Paisaxe Protexida de Galicia, mostrando así o encanto do Macizo Central Ourensán”.
Dende Os Labregos convídase a asistir a este evento e dan a benvida “ao noso entroido, e desfrutade coma nós de algo que “é o noso” “, din dende este folión trivés.