En portadaÚltima hora

Onde a recollida da colleita de castañas e de olivas se converte nunha experiencia turística

A empresa valdeorresa Enoturismo Galicia achega neste outono as propostas “¿Gustaríache ser olivicultor por un día?” e “Mergúllate na recollida da castaña”

 

Nos meses de outono a castaña convértese en raíña nos bosques ourensáns e lucenses. A recollida da produción deste froito ten, cada vez máis, un interese turístico e, dando resposta a esa demanda, a empresa valdeorresa Enoturismo Galicia volve organizar unha curiosa proposta turística: “Mergúllate na recollida da castaña”, que se vén realizando dende outubro e que continuará ata finais de novembro.

Está pensada tanto para nenos como para adultos e inclúe unha pequena ruta de sendeirismo pola Serra do Courel ata chegar a uns castiñeiros, lugar onde se ofrecerán unha serie de explicacións sobre este cultivo, as variedades de castañas, as súas características… E, de seguido, comezará o labor de recollida no que os visitantes poderán participar. Logo, nun almacén coñecerán as posibilidades de transformación deste froito e a actividade concluirá cunha degustación de produtos elaborados con castaña. Para máis información: http://www.enoturismogalicia.es/es/rutas/sumergete-en-la-recogida-de-la-castana-86

Outra das experiencias que se propón neste outono dende a empresa Enoturismo Galicia é “¿Gustaríache ser olivicultor por un día?”. Organizarase ata primeiros de decembro e as datas poden variar en función da meteoroloxía. Está plantexada como unha “viaxe interactiva onde adultos e nenos poderán aprender de onde procede o aceite, como se coidan as oliveiras e como se transforma a oliva en aceite natural. Os asistentes serán particípes de todo este proceso: recollida, limpeza, criba…”, explican dende esta empresa valdeorresa.

Na almazara tamén se poderá descubrir o proceso de transformación da oliva en aceite e a actividade concluirá cunha visita a unha adega para coñecer o mundo do viño e desfrutar dun aperitivo. Para máis información: http://www.enoturismogalicia.es/es/rutas/te-gustaria-ser-aceitunero-por-un-dia-87

Artigos relacionados

Back to top button