ConcellosEn portadaGalerías de fotosOímbraÚltima horaVerín

Operativa a nova base aérea de Verín-Oímbra, a primeira transfronteiriza entre España e Portugal

Esta infraestrutura, cun investimento de 5,5 millóns de euros, ten como obxectivo mellorar e intensificar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación entre Galicia e o norte do país veciño

 

Ponse en marcha a nova base aérea de Verín-Oímbra, a primeira transfronteiriza entre España e Portugal, que desde hoxe mesmo queda “plenamente operativa”. Así o destacaba esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Esta infraestrutura, enmarcada no Proxecto europeo Interlumes, ten como obxectivo mellorar e intensificar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal.

“Ogallá que non sexa necesario utilizalas moito, pero cando sexa necesario teremos esta base, estes medios e a magníficos profesionais que van poder actuar a un lado e outro da fronteira”, apuntaba Rueda durante unha visita ás instalacións na que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, así como por outras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

Rueda destacaba que esta nova base exemplifica a cooperación fluída e intensa co país luso, reforzando a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como exemplo de integración e dinamismo e para dar un salto de calidade na extinción de lumes. Así, puxo en valor a necesidade de facer “proxectos transfronteirizos, aínda que non é nada sinxelo xa que requiren dunha tramitación moi complexa”, polo que quixo dar as grazas a todos os que o fixeron posible.

A nova base

A base aérea de Verín-Oímbra, na que se investiron preto de 5,5 millóns de euros, –obra cofinanciada polo programa Interreg POCTEP–, está orientada principalmente aos traballos de extinción de incendios. Así, nela poden operar helicópteros e avións de carga en terra. O aeródromo dispón dunha plataforma de estacionamento para seis aeronaves de carga en terra e o heliporto para catro helicópteros, cunha pista de aterraxe que mide 1.200 metros. Ademais, conta con catro depósitos de auga e instalacións de carga de combustible.

Así mesmo, as instalacións incorporan unha torre de control e un edificio de descanso con tres zonas diferenciadas, para pilotos de avións, para pilotos de helicópteros e para brigadas contra incendios.

O operativo contra incendios

O presidente da Xunta tamén fixo referencia á constante aposta por mellorar a prevención e loita contra os lumes, un obxectivo ao que o Goberno galego destina anualmente preto de 200 M€, dos que unha parte moi importante van para o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), operativo todo o ano e reforzado na temporada estival.

Alfonso Rueda quixo agradecer tamén o traballo dos máis de 7.000 efectivos que integran o operativo contra incendios en Galicia, e fixo un chamamento á cidadanía para colaborar na detección e prevención, notificando calquera indicio de lume a través do número de teléfono 085.

 

 

O presidente da Deputación de Ourense, que acompañou ao presidente da Xunta na visita ao aeródromo transfronteirizo, agradeceu a Alfonso Rueda o seu compromiso con Ourense que “hoxe se materializa coa maior obra en materia de incendios realizada en moitos anos”. E lembraba que a administración provincial foi a primeira en colaborar coa Consellería de Medio Rural en materia de prevención de incendios forestais

O convenio deste ano vai máis aló e contempla como novidade impartir formación especializada ao persoal municipal e a posta en marcha de catro programas piloto para dotar de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses a outras tantas mancomunidades.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, lembraba no decurso desta visita que “cada ano o Goberno de España pon á disposición da Xunta unha serie de medios para colaborar na prevención e extinción de incendios forestais: medios aéreos, a BRIF Laza, Policía Nacional e Garda Civil, a UME en León e no destacamento en Figueirido (Pontevedra), así como persoal do Exército de Terra a través da Operación Centinela”.

Artigos relacionados

Back to top button