
Os alcaldes e alcaldesas da comarca de Valdeorras ( A Rúa, A Veiga , Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras) veñen de emitir un comunicaco co que queren expresar “de forma unánime o seu apoio ao sector da lousa e aos traballadores afectados pola decisión xudicial de proceder ao desafiuzamento dos terreos nos que se atopa unha das empresas máis relevantes do sector da lousa de Valdeorras”.
Así mesmo, no texto do comunicado os rexedors indican que, “malia que respectan a independencia xudicial, os alcaldes e alcaldesas queren poñer de manifesto as gravísimas consecuencias que esta decisión vai ter para o futuro da comarca posto que pon en perigo centos de postos de traballo directos e miles indirectos” e inciden en que “está en xogo o sustento de numerosas familias da zona”.
Finalmente, no comunicado os rexedores e rexedoras aseguran que “van estudar posibles accións de mobilización social para apoiar aos traballadores e evitar o peche da compañía. Tras unha decisión aparentemente normalizada que poñía fin á posible expropiación dos terreos, ningún erro burocrático, humano ou técnico pode ser escusa para por en perigo o futuro da comarca”, lamentan.