Por segundo ano consecutivo as escolas deportivas do Pizarras Tres Cuñados FS acudían ao campionato de fútbol sala base organizado polo Club Trepalio FS, o II Torneo de Nadal que se celebra esta fin de semana en Matallana de Torío, no que participan equipos chegados desde Valladolid, Ourense, Asturias e diferentes puntos da provincia de León. E se na primeira edición disputada na localidade de Astorga, era o equipo infantil o que realizaba un torneo case impoluto (perdendo unicamente na final) nesta ocasión eran os alevíns valdeorreses os que repetían resultado.

Tal como explican dende o club, o cadro alevín do Tres Cuñados adestrado polo dúo Jose-Dani encadrado no grupo 2, gañaba os seus dous partidos ante Almanza FS por 9-1 e Xixón Pechera FS por 3-2 para pasar a semifinais como primeiros de grupo. “Xa en semifinais tocábanos Trepalio FS de León aos que os nosos vencían por un apertado 4-3 para meterse na gran final onde caiamos por 6-2 ante un auténtico equipazo, o Valladolid Sport FS”, explican dende o Tres Cuñados, asegurando que foi “unha experiencia enriquecedora a vivida por nosos “peques” en convivencia con nenos doutras comunidades”.

Desde o club valdeorrés agradecen “a Trepalio FS en xeral e en particular ao seu coordinador Guti ( David Gutierrez) por acordarse de nós unha vez máis”, din, asegurando que se sentiron como na casa, “cun recibimento espectacular e unha paella fenomenal” onde estreitaron lazos co resto de equipos.
Fotos cedidas.