
Por un erro na data inicialmente prevista, Quiroga anuncia que a VIII edición dos Cantos de Taberna será o sábado 15 de marzo. O Concello de Quiroga ten aberto o prazo para participar neste festival de música tradicional. Os grupos interesados pódense anotar gratuitamente na casa da Cultura (tfn 982 43 51 25) antes do 10 de marzo.
Para que se leve a cabo esta actividade precísase dun mínimo de seis grupos musicais e un máximo de doce, contando cada grupo cun mínimo de cinco integrantes. Entregaranse 150 € a cada grupo participante para que gaste nos establecementos aos que acuda, os establecementos participantes pola súa banda, comprométense a ter a disposición dos grupos tapas ou petiscos.
Está previsto que antes do comezo se reúnan os grupos participantes para darlles o itinerario do recorrido, a actuación en cada establecemento roldará a media hora cun repertorio de libre escolla, preferentemente con temas populares e tradicionais.
As actuacións comezarán a partir das seis e media da tarde aproximadamente, para rematar cunha gran foliada de todas as agrupacións xuntas na zona da praza da rúa Lago.