CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

Os centros de ensino do Barco e de Rubiá xúntanse co CCA para festexar as Letras Galegas

Desenvolverán unha campaña para renderlle homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral que incluirá unha mostra de fotografías e versos nos escaparates dos comercios asociados e unha xincana

 

A celebración das Letras Galegas volve xuntar, un curso máis, aos centros educativos do Barco (IES Martaguisela, IES Lauro Olmo, Colexio Divina Pastora, os CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo de Viloira) e ao CEIP Virxe do Camiño de Rubiá coa Asociación O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) nun proxecto que traspasa o ámbito do ensino para implicar á sociedade valdeorresa na celebración das Letras Galegas do 2025.

Desta volta este proxecto, coordinado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos sete centros renderalle tributo ás “cantareiras, mulleres fundamentais na creación e transmisión musical”, comentaba, Brais Moure, docente do IES Lauro Olmo, durante a presentación da campaña. E mencionaba ademais cada un dos nomes das cantareiras nas que a Real Academia Galega (RAG) personifica a celebración: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

Así, esta iniciativa terá dúas vertentes. Por unha banda, co Centro Comercial Aberto (CCA) penduraremos nos escaparates dos establecementos fotografías do alumnado inspiradas en versos do Cancioneiro Popular Galego (recollidos por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina). Ademais, haberá unha xincana entre o 14 e o 31 de maio polos comercios, que está dirixida ao alumnado e ao conxunto da cidadanía barquense.

 

 

En total serán 40 os establecementos do CCA participantes na campaña, onde aqueles que realicen a xincana (do 14 ao 31 de maio) na procura dos versos das cantareiras poderán deixar os folletos selados nos establecementos ou ben na sede do CCA no Viveiro de Empresas, segundo comentaba o presidente da asociación, Jacobo Arias, quen agradecía a iniciativas dos centros de ensino e confiaba en que no futuro se paoida seguir mantendo esta colaboración.

Nesta campaña premiarase á mellor fotografía de cada centro educativo cun vale de 25 euros para gastar nas librerías asociadas e sortearase un vale de 50 euros entre os participantes na xincana.

Outra das propostas deste proxecto, coa que se busca achegarse á sociedade barquense, será unha coidada e fermosa exposición que se situará no Paseo do Malecón (coa colaboración do Concello do Barco), entre as árbores, nas que se repasará a obra das cantareiras, que tamén se simbolizará coan pandeiretas decoradas.

Fotos: A.R.

Back to top button