ConcellosÚltima hora

Os cidadáns da Eurocidade Chaves-Verín entran no “Termalismo Saudable”

A sede desta entidade transfronteiriza acollía a sinatura dun acordo para entrar neste programa da provincia de Ourense

Os represantes da Eurocidade Chaves-Verín, co presidente da Deputación de Ourense, no acto.
Os represantes da Eurocidade Chaves-Verín, co presidente da Deputación de Ourense, no acto.

No programa “Termalismo Saudable” deste ano poderán adscribirse, como novidade, os residentes no territorio da Eurocidade Chaves-Verín, e deste modo permitirase o acceso ao programa a todos os cidadáns non só de Verín senón tamén de Chaves, cos mesmos beneficios e descontos que o resto dos residentes na provincia de Ourense.

Isto será posible grazas a un convenio de cooperación no ámbito de termalismo entre a Eurocidade e a Deputación de Ourense. Este acordo asinábase na mañá do 6 de xaneiro nun acto celebrabado na sede da Eurocidade en Verín e no que participaban o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial e alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco. A sinatura deste protocolo tamén asistía o vereador flaviense Paulo Alves.

“Termalismo Saudable 2015”  é unha iniciativa que promove e desenvolve a Deputación de Ourense co obxectivo de dar a coñecer o termalismo e o potencial que este recurso de ocio e saúde ten na provincia. Este programa forma parte do plan “Ourense, provincia termal”, realizado conxuntamente coa Xunta de Galicia, coa finalidade de revalorizar a riqueza termal e impulsar un dos sectores económicos estratéxicos do territorio.“Conscientes de que o turismo termal é un dos baluartes do noso territorio, o Plan Termal de Ourense constitúe para nós unha axuda e folla de ruta para o noso termalismo nos próximos anos”, subliñaba Juan Manuel Jiménez.

Para o presidente da Deputación de Ourense, a igualdade de trato entre os cidadáns empadroados en calquera municipio de Ourense e os cidadáns residentes en Chaves-Verín, que recolle o Programa de Termalismo Saudable, é coherente coa asunción do concepto das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, “unha identidade xurídica que facilita o recoñecemento da nova dimensión transfronteiriza para aproveitar as oportunidades que esta situación de privilexio xeográfico concede aos residentes de ámbolos dous lados da fronteira”.

 

Un dos momentos da sinatura do convenio entre a Eurocidade Chaves Verín e a Deputación de Ourense.
Un dos momentos da sinatura do convenio entre a Eurocidade Chaves Verín e a Deputación de Ourense.

O programa deste ano contempla estancias balnearias financiadas nos balnearios da provincia de Ourense de 6 días de duración (5 noites) de luns a sábado (en réxime de habitación dobre compartida, que inclúe pensión completa, dez técnicas balnearias, revisión médica dos beneficiarios á súa chegada e programa de animación social).

Unha segunda modalidade de estancia inclúe viaxe en tren: neste programa, ademais do acceso á subvención como no anterior, aos/ás beneficiarios/as facilitaráselles a obtención dos billetes de tren (ida e volta) dende algunha das “Estacións Termais” que participan no programa, recollidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe e, se é o caso, as súas addendas ata a estación de Ourense. Pola súa banda, os balnearios proporcionan servizos como traslados (ida e volta) dende a estación de Ourense ata os balnearios seleccionados e rutas culturais.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button