EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os Colleiteiros do Ribeiro presentan os seus viños na Coruña

Un total de 18 colleiteiros da Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal presentan os seus viños na Aula Paadín de Cambre (A Coruña)

 

O vindeiro luns 28 de outubro, a aula Paadín de Cambre (A Coruña) acollerá unha xornada moi especial para os amantes do viño galego. Dezaoito Colleiteiros Ribeiro integrados na Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal, reuniranse para presentar os seus viños de produción limitada, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer o traballo destes pequenos viticultores-elaboradores artesanais comprometidos coa calidade e o respecto polas tradicións vinícolas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

O evento contará coa presenza de Colleiteiros de prestixio provenientes dos tres vales do Ribeiro: Avia, Arnoia e Miño, que ofrecerán unha degustación dos seus viños e compartirán o seu coñecemento sobre o proceso de elaboración, desde a viña ata a botella.

“Estes viños, que destacan polo seu carácter singular e a súa vinculación ao territorio, son elaborados a pequena escala, con métodos respectuosos co medio ambiente e un coidado especial en cada detalle do proceso”, explican os produtores.

A xornada desenvolverase na Aula Paadín, un espazo de referencia na formación e divulgación da cultura enolóxica en Galicia. O acto está dirixido tanto a profesionais do sector, como a afeccionados ao mundo do viño, quen terá a oportunidade de conversar directamente cos produtores, descubrir novas etiquetas e aprender sobre as particularidades da vitivinicultura artesanal galega.

O presidente da Asociación, Alberto Úbeda, destacou a importancia deste tipo de encontros. “Este evento é unha celebración da diversidade e riqueza dos nosos viños do Ribeiro. Cada botella conta unha historia que reflicte a paixón e dedicación dos nosos colleiteiros e colleiteiras, sempre pegados ao territorio. Queremos compartir co público a calidade, autenticidade e exclusividade que caracteriza aos nosos produtos. E tamén queremos agradecer a Luis e Alejandro Paadín o seu incansable labor divulgador e investigador, porque o coñecemento é a base do progreso”.

Data: 28 de outubro de 2024
Lugar: Aula Paadín, R/ Estanque 26, Cambre (A Coruña)
Hora: 11:00 – 14:00 só profesionais
Hora: 17:00 – 21:00 público xeral

 

 

Sobre a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal (AGVA)

A Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal agrupa a viticultores – elaboradores “Colleiteiros” comprometidos coa elaboración de viños auténticos e artesanais, respectando as técnicas tradicionais e o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico de Galicia.

A AGVA ten como misión promover a defensa e a visibilidade do pequeno produtor de viños de calidade, impulsando o desenvolvemento rural e a sustentabilidade no sector vitivinícola galego.

Back to top button