Apenas choveu, pero a tormenta que hai dous días descargaba sobre Valdeorras volvía evidenciar a vulnerabilidade dos núcleos de poboación do val ante as escorrentías que baixan polos montes queimados no incendio do ano pasado e esquilmados posteriormente coas talas masivas.
O Barco, Vilamartín e A Rúa foron novamente os máis afectados, por iso os seus alcaldes xuntábanse na mañá deste xoves 8 de outubro para “amosar a inquedanda e preocupación que temos os tres concellos, que fomos o máis perxudicados nestes días pola última tormenta que caeu, algo que probablemente e por desgraza vaise converter nalgo habitual, á vista do que ocorreu coa treboada que caeu en toda a ladeira norte dos concellos”, dicía o alcalde do Barco de Valdeorras.
Aurentino Alonso explicaba que xa ano pasado sabían que o inverno sería duro, porque tras o lume os montes quedaban desprotexidos e os arrastres serían habituais, “pero tras ese inverno con catro meses seguidos de chuvia baixando barro, troncos e colapsando en moitos casos moitas vías, regatos e incluso alagando zonas particulares, pasou un ano e seguimos nas mesmas ou nunha situación case peor. Estamos vendo que non se fixo nada no monte, ou o que se fixo non foi suficiente ou non axudou a resolver ningún dos problemas que se prevían que ía haber, e que están sucedendo e seguirán porque o inverno aínda non chegou”. Lamenta que dende os concellos non son capaces de tomar unhas medidas que sexan eficaces para atallar o que pode seguir pasando durante o inverno polo que “pedimos que de modo urxente, dende as administracións competentes, se tomen esas medidas”.

Medidas que, segundo o rexedor barquense, deberían dividirse en dous. “Por un lado ten que haber un plan urxente para tratar de reter a parte de terreo vexetal que a raíz da tala está marchando cara o Sil e os encoros; e por outro, un plan que se leva reclamando xa dende o incendio do 2012, de reforestación axeitado á orografía que temos, non vale volver plantar so pinos, senon facelo coas especies que requira cada zona e cada terreo. Se non se fai xa, o único que veremos na zona norte do val serán penedos”, remataba de forma rotunda.
A alcaldesa da Rúa, María G. Albert, aseguraba convencida que “este inverno vai ser peor que o pasado porque o monte está en peor estado, por todas as talas que se están a producir dende a primavera e que van continuar en pleno outono, o que nos parece totalmente demencial, porque os cursos de auga están cortados e a pouca estrutura vexetal que quedaba, aínda que queimada que sostiña parte do terreo, desapareceu, co cal temos un monte e por conseguinte un concello moito máis vulnerable que o ano pasado”.
Albert confirmaba o pouco que choveu na Rúa o outro día e “colapsou un regato, unha finca,… porque estamos nunha situación tan precaria que a mínima auga que cae xa nos causa problemas, á parte das captacións de auga que están totalmente expostas a unha situación que os concellos non podemos controlar”, dixo, ratificando o dito por Aurentino Alonso. Con todo, a rexedora ruesa destacaba que “quince meses despois do lume, Medio Rural fixo pouca cousa pero Medio Ambiente na Rúa fixo cero, ningún tipo de rexeneración ambiental, vendidos ao que pode pasar na natureza”, incluíndo na ecuación á Confederación Hidrográfica.

“Cónstame que chamaron ao día seguinte e viñeron técnicos a ver que pasaba cos regatos e está moi ben poñer barreiras e intentar facer algo nos cursos de auga, pero penso que ten que dar un paso máis porque os regatos estanse vendo contaminados polos arrastres polo que igual debería dirixirse á Xunta que lles está contaminando os cursos de auga e igual que teñen esa facilidade para abrir expedientes sancionadores a outras administracióhs e particulares, neste contexto no que se están contaminando os acuiferos as captacións de auga,… alguen terá que ter responsabilidade sobre estas cuestións e se a Xunta non cumpre, sancionar porque non pode ser que os concellos (entendendo como a poboación que vive neles) estemos vendidos deste xeito. Os pasos teñen que dalos as administracións competentes que non somos os concellos”, concluía.
No caso de Vilamartín de Valdeorras, a súa alcaldesa Sherezade Núñez, suscribía as palabras de Aurentino e María “porque estamos na mesma situación”, dixo, facendo especial fincapé no feito de que “este ano será especialmente perigoso e que o ámbito municipal non vai ser capaz de garantir a seguridade dos núcleos de poboación, sobre todo da parte baixa da montaña que son os que están totalmente expostos”.

Chegados a este punto, lamenta que “as administracións que deberían terse implicado na rexeneración forestal e na restauración hidrolóxica non o fixeron e a día de hoxe estemos aínda peor que o ano pasado, pola tala masiva e a invasión dos montes e pistas que está afectando diariamente á vida diaria, ben sexa no abastecemento de auga potable que está totalmente comprometido ante á minima escorrentía, porque desta vez apenas choveu, baixou todo da montaña arrasando porque a estrutura xa está en precario”. Sherezade recoñeceu que a dotación económica, neste caso por parte da Xunta, “está moi ben pero nós non temos capacidade técnica nin os recursos materiais para poñer solución a este problema, xa que a magnitude é tal que necesita unha resposta extraordinaria”.
A rexedora vilamartinesa asegura que “estamos falando de garantir a seguridade dos núcleos de poboación que agora mesmo, é imposible, polo que creo que deberiamos abogar por que se crease un plan interadministrativo para facerlle fronte, porque dende o ámbito municipal non somos capaces. Non deixamos de facer investimentos cada poucos meses para subsanar algo que a natureza nos está demostrando que é totalmente vulnerable á man do home”.
Fotos: O SIL.