Os dous concelleiros do Grupo Son de Trives-En Marea, Jorge Vázquez e Ana García, presentaban o pasado mércores a renuncia ás súas responsabilidades dentro do grupo de goberno no Concello da Pobra de Trives, se ben continúan como edís na Corporación municipal. Esta formación tiña un pacto de goberno co partido socialista no que Vázquez levaba a Concellería de Protección Civil, Xuventude, Mobilidade e Seguridade Cidadá; e Ana García a de Cultura.
A súa renuncia saltaba á prensa na pasada fin de semana e ante isto a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, emitía unha nota de prensa na que amosaba a súa sorpresa ante esta decisión, indicando que “en ningún momento estes edís comunicaron o seu desexo ao resto do goberno” e apelando “á calma e tranquilidade ante esta inesperada renuncia”. Ademais Domínguez afirmaba que “nada do que aconteza dende este momento fará mudar os nosos plans de goberno nin mermar a nosa ilusión por mellorar Trives e o seu futuro”.
Na mesma nota, o grupo de goberno socialista esixía “un compromiso real coa cidadanía e que se dean as explicacións pertinentes por esta decisión repentina no foro adecuado. “Se persoas que traballan xuntas non son capaces de comunicar unha decisión deste alcance aos seus compañeiros de Goberno, non son persoas dignas de confianza por parte do grupo que liderará o futuro de Trives”. E indicaban asemade que “tendemos a nosa man ao diálogo coma sempre o fixemos, respectando os cupos de representación en función dos votos e a potestade da alcaldía”.
Na mañá deste luns 19 de agosto os dous concelleiros de Son de Trives-En Marea emitían un comunicado explicando a súa renuncia. “A razón que nos leva a tan difícil decisión fundaméntase no desacordo acerca do xeito de entender o traballo destes dous concelleiros e o que ten a alcaldesa, porque nós estamos acostumados a traballar a través da cooperción, o diálogo, de xeito horizontal e en equipo”. Indican tamén que “parécenos desproporcionado alarmar á cidadanía cunha nota de prensa catastrofista, pouco rigorosa e fóra de lugar, na que se minte afirmando que non tiñan constancia da nosa decisión, cando estaban informados dende o primeiro instante, extremo este do que temos probas por escrito”.
Estes edís tamén explican no seu comunicado que “ao longo de dous meses non foron atendidas adecuadamente as nosas peticións de reunións do equipo de goberno para, en conxunto, acordar as liñas xerais de traballo e resolver os conflitos e asuntos que ían xurdindo. Entendemos que esta situación non ten perspectivas de cambio. A decisión de abandonar o equipo de goberno precipitouse por unha discusión o pasado mércores entre a alcaldesa e cada un dos concelleiros da nosa formación, aínda que non deixa de ser unha máis dunha dunha longa serie de desencontros. Ao longo destes dous meses a desconfianza e o entorpecemento da nosa necesaria autonomía como concelleiros foron continuos por parte da alcaldesa. Como non estamos dispostos a traballar tendo que acatar xerarquías (tal e como nos foi requerido pola alcaldesa nesa última discusión) consideramos que o máis honesto era retirarnos do equipo de goberno, feito do que informamos á alcaldesa nese mesmo intre”.
Jorge Vázquez e Ana García tamén se refiren no comunicado ao “magnífico clima de traballo e entendemento ata ese momento cos outros tres concelleiros do PSOE para os que só temos palabras de agradecemento” e deixan claro que “en ningún momento abandonaremos as nosas actas de concelleiros, e que dende agora o noso apoio ao grupo de goberno reducirase a acordos puntuais naqueles casos que o consideremos oportuno e beneficioso para o noso concello”.
Indican ademais que o texto do seu comunicado foi “consensuado con todas as persoas que integramos o equipo de Son de Trives-En Marea, aos que agradecemos o seu respaldo nesta difícil decisión” e agradecen a confianza dos seus votantes e da cidadanía “en todo este tempo e especialmente nos últimos días”. Finalmente, adiantan que seguirán “traballando tanto a título político dende a oposición como a título persoal dende outros ámbitos polo ben de Trives e a súa cidadanía”.
A Corporación trivesa está formada por cinco concelleiros do PP, 4 do PSdeG-PSOE e dous de Son de Trives-En Marea.